21 días co galego e + 2023

Bota a andar a quinta edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova. Nesta edición desenvolverase desde o 24 de xaneiro ata o 13 de febreiro de 2023.

  • 21 días co galego e +

    21 días co galego e +

Este programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que a mocidade analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e no feito de levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación educativa en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Desde o ano 2019 (curso 2018-2019), foi asumido por Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. En 2020 e 2021, o programa continuou a súa expansión e chegou en cada curso a 10 centros de toda Galicia para logo alcanzar a ducia na pasada edición de 2022.

O programa mantén a devandita expansión neste 2023, en que chega aos 12 centros seguintes:

A Coruña

  • IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña
  • IES de Melide
  • CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero
  • CPR Divino Maestro de Santiago de Compostela

Lugo

  • CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo
  • IES María Sarmiento de Viveiro

Ourense

  • IES Nº 1 do Carballiño
  • CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas

Pontevedra

  • CPI Plurilingüe Alfonso VII de Caldas de Reis
  • CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios de Panxón-Nigrán
  • IES Aquis Celenis de Caldas de Reis
  • IES A Basella de Vilanova de Arousa

Nesta ocasión, os 21 días co galego medran case un 20% en número de participantes e achegan 4.564 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) a vivir esta experiencia.

Novidades

  • A principal novidade deste 2023 é o I Encontro 21 Días co Galego e + que reunirá a alumnado de todos os centros participantes o vindeiro 28 de febreiro no Gaiás para compartiren moita lingua a través das súas experiencias no programa.
  • Por outro lado, este ano prodúcese a plena incorporación ao programa de CPI e CPR, que contan coa participación de alumnado de 5º e 6º de primaria e nalgún caso mesmo de toda a etapa.
  • Séguese a contar coas colaboracións externas:
  1. O programa Galicia por diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + terá unha sección diaria de luns a venres ao longo do seu desenvolvemento na que alumnado e profesorado dos centros lle contarán á audiencia os temas que desenvolveron e como está a ser a súa participación.
  2. O programa Dígocho eu! da CRTVG, que terá encontros presenciais e virtuais co alumnado dos 12 centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato característicvo do Dígocho eu!

Falando para un mundo mellor

O lema desta edición é “Falando para un mundo mellor” porque pretendemos que o alumnado, ademais de medrar como galegofalante, tamén medre como persoa responsable comprometida coa sociedade e co medio natural. Por iso, este ano os centros educativos participantes traballaron cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) para 2030, creados polas Nacións Unidas. Así, veremos como se achegan desde as realidades dos seus centros a problemas como os seguintes: a igualdade de xénero; a acción polo clima; a auga limpa e o saneamento; a eliminación das desigualdades; a paz e a xustiza; a educación de calidade; a saúde e benestar; a industria, innovación e infraestruturas; a vida dos ecosistemas terrestres; a enerxía accesible e non contaminante; e as cidades e comunidades sustentables.

Galego 24 horas

Os rapaces e rapazas da ESO, de bacharelato e de formación profesional, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, e mais o dos últimos cursos de primaria comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, desde o 24 de xaneiro ata o 13 de febreiro, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa e voluntaria o profesorado e os membros do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, o persoal de administración e servizos, as ANPAS e as familias dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible, pois son eles o motor do programa nos centros.

A intención de 21 días co galego e + é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en webs e redes sociais.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 días co galego e + , onde se mostrarán as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas do programa nas principais redes sociais Facebook, Instagram, Tiktok e Twitter, nas que se divulga a iniciativa.

Cada día, unha nova entrada do blog indícalles aos rapaces e ás rapazas as tarefas que deben realizar, incluídas as gravacións onde deixarán constancia das súas reflexións sobre a experiencia.

Participación en cada edición

Curso 2018-2019: participaron 4 centros e 1411 persoas (95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos).

Curso 2019-2020: participaron 10 centros e 4.242 persoas (3.877 alumnas e alumnos, 305 docentes e 60 PAS).

Curso 2020-2021: participaron 10 centros e 3.738 persoas (3.141 alumnas e alumnos, 271 profesoras e profesores e 51 membros do persoal de administración e servizos

Curso 2021-2022: participan 12 centros e 3.845 persoas (3.399 alumnas e alumnos, 394 docentes e 52 persoas de persoal de administración e servizos)

Curso 2022-2023: participan 12 centros e 4.564 persoas