Nadal en Rede 2024

Chega outra vez o Nadal e con el o programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, destinado a fornecer as entidades que conforman a Rede de Dinamización Lingüística de actividades de lecer para estas festas e mais de recursos para celebralas en galego.

Entre os recursos, ofrecemos nadais e panxoliñas para aprender a cantar temas propios destas datas en galego, modelos para escribirlles aos Reis Magos a carta neste idioma que tanto lles gusta escoitar ou discursos para que as Súas Maxestades de Oriente poidan dirixirse aos nenos e nenas na lingua propia de Galicia.

En canto ás actividades, hai teatro, música, maxia e monicreques e témolas dirixidas a bebés, a nenos e a todos os públicos. Velaquí a proposta:

A árbore dos desexos

A Pillaband (Ramón Feáns, Inés Salvado, Paula Gago, Daniel Díaz e Jaime Manuel López) subirá ao escenario para achegarlles a nenos e adultos este relato musicado que foi Premio Martín Códax da Música e que fala de descubrimento persoal, de amizade, de perseveranza, da inclusión e da aceptación dun mesmo. Todo a ritmo de jazz, soul, rocksteady ou mesmo a clásica balada de reminiscencias Disney. A árbore dos desexos poderá verse nas seguintes entidades da Rede de Dinamización Lingüística:

  • O Porriño. Praza do Concello. Martes 24 de decembro, ás 17:00 h
  • Padrón. Fundación Rosalía de Castro. Xoves 26 de setembro, ás 18:30 h
  • Vigo. Museo do Mar de Galicia. Sábado 28 de decembro, ás 18:30 h
  • Mondoñedo. Salón de Actos da Casa da Xuventude. Domingo 29 de decembro, ás 12:30 h

A pita xefa

Títeres Alakrán chega por primeira vez á Rede de Dinamización Lingüística cunha adaptación para teatro de monicreques da peza homónima de Marta Lado publicada por Baía Edicións e gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Toda a familia poderá ver como unha pequena pita cun soño pode facer o que queira: saltar lonxitude, bailar claqué… e o máis importante, mudar as normas do galiñeiro. A pita xefa estará nos seguintes concellos:

  • Silleda. Casa do Concello. 19 de de decembro. 18:00 h. 
  • Ramirás. CEIP Rogelio García Yañez. 20 de decembro. 11:30 h. 
  • Moaña. C.S.C. Daniel Castelao, sala Celso Parada. 29 de decembro. 18:00 h.
  • Tomiño. Praza do Seixo. 30 de decembro. 17:30 h. 

Desconcerto de Nadal

Velaquí outra actividade dirixida a público familiar: un (des)concerto de Aninovo bastante accidentado. Culturactiva Producións presenta a Fran Rey e Félix Rodríguez baixo a dirección de Marcos Orsi nun espectáculo cheo de música, teatro, humor e moito, moito ritmo. Fará parada en:

  • Soutomaior. Carpa situada en Talo Río. 22 de decembro. 17:30 h. 
  • Salvaterra de Miño. Praza do Concello. 23 de decembro. 12:30 h. 
  • Outes. Casa da Cultura. 26 de decembro. 12:00 h. 
  • Teo. Auditorio Constante Liste. 29 de decembro. 19:30 h. 
  • Santiso. Casa da Cultura de Visantoña. 30 de decembro. 12:00 h. 

Meco e sono

Quen dixo que os bebés non podían participar da festa? Xarope Tulú ofrece unha peza teatral dirixida á primeira infancia (nenos e nenas de 0 a 3 anos), onde se combinan o conto e a creación sonora en directo. O obxectivo desta proposta é acompañar as familias na crianza agarimosa en galego. Velaquí os lugares onde poderedes gozar deste espectáculo:

  • Pontedeume. Casa da Cultura. 15 de decembro.12:00 h. 
  • Vilaboa. Casa da Cultura de Figueirido. 20 de decembro. 18:00 h. 
  • Santa Comba. Salón de actos do Edificio Multiúsos do Concello. 22 de decembro. 17:30 h. 
  • Nigrán. Auditorio do Concello. 23 de decembro. 17:30 h. 

Mil maxias máis

O Mago Antón presenta unha chea de xogos orixinais creados coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia da palabra en galego. Cada sesión desenvolverase a bordo do Magomóbil, un vehículo deseñado expresamente para esta exhibición de ilusionismo e lingua que permanecerá durante un día nas seguintes localidades:

  • Lalín. Magomóbil instalado na explanada de Manuel Rivero. 20 de decembro. Funcións: 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h, 19:00 h, 20:00 h. 
  • Burela. Magomóbil instalado na Praza do Concello. 21 de decembro. Funcións: 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h, 19:00 h, 20:00 h. 
  • Barro. Magomóbil instalado diante do pazo da Crega.29 de decembro. Funcións: 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h, 19:00 h, 20:00 h. 

Xa é Nadal cos Piñeiriños

Os simpáticos monecos Fuco e Xela volven ao Nadal en Rede cun espectáculo de música infantil e contos en que poñerán a bailar e cantar as familias con cancións propias destas datas. Os Piñeiriños achegaranse este Nadal ata:

  • A Bola. Salón de plenos do Concello. 17 de decembro. 18:00 h. 
  • Brión. Sala de exposicións da Casa da Cultura. 20 de decembro. 18:30 h. 
  • Meaño. Praza do Concello. 27 de decembro. 19:00 h. 
  • Lalín. Museo Casa do Patrón. 29 de decembro. 18:30 h. 

Ves como sabes?

Espectáculo divertido e participativo para todos os públicos en que Francisco Castro, Verónica Santalices, Federico Welicki e Paulo Silva empregarán a música para transmitir ideas positivas acerca da nosa lingua e cultura e para mostrarlle ao público que sabe moito máis galego do que coida.

  • O Carballiño. Auditorio Manuel María. 22 de decembro. 19:00 h. 
  • Gondomar. Auditorio Lois Tobío. 23 de decembro. 18:00 h. 
  • Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos. 26 de decembro. 18:00 h.
  • Oleiros. Praza Esther Pita. 28 de decembro. 19:00 h. 

A lingua somos todos

Música, relato e poesía fúndense nesta proposta para todos os públicos que desenvolven Emilio Rúa e X.C. Caneiro co obxectivo de poñer en valor a potencialidade do galego como elemento de identificación e de unión de toda a cidadanía. Acudide a velo a:

  • Ponteareas. Nave de Aceiros do Tea. 15 de decembro. 18:00 h. 
  • Ponteceso. Biblioteca de Ponteceso. 20 de decembro. 19:30 h. 
  • Ribadavia. Igrexa de San Xoán. 26 de decembro. 19:30 h.
  • O Rosal. Auditorio Municipal. 27 de decembro. 20:00 h.
  • Bóveda. Salón de actos do Centro Sociocultural. 29 de decembro. 19:00 h. 

A todas estas actividades sumarase nos vindeiros días a xira de Nadal dos Bolechas.