Nadal en Rede 2025
Nadal en Rede chama un ano máis ás portas do mes de decembro para encher as festas de actividade e celebración en galego. Velaquí as propostas deste ano, que inclúen teatro e moita música para todas as idades.
A Gramola Gominola. Especial Nadal
O grupo de música infantil máis famoso do momento chega a Nadal en Rede cargado de panxoliñas a ritmo de rock. A banda formada por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz ofrece un espectáculo onde soarán as cancións do seu cuarto disco, O Nadal coa avoa Fina: “Apalpador”, “O rap metal do Nadal”, “A Noiteboa sempre é boa coa miña avoa”…, temas para recuperar valores e tradicións e, sobre todo, para bailar e para cantar en galego a todo pulmón. Poderedes unirvos á Gramola Gominola en seis concellos da Rede de Dinamización Lingüística:
- Poio. 19 de decembro ás 18:00 horas na Carpa Poio Máxico (A Seca).
- Sanxenxo. 23 de decembro ás 19:30 horas na Praza do Mar (Carpa de Nadal).
- A Estrada. 27 de decembro ás 12:30 horas no Teatro Principal.
- Pazos de Borbén. 27 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal.
- Ribeira. 29 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal.
- Chantada. 30 de decembro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal.
Saaabor de Nadal!
Velaquí unha comedia de Culturactiva Producións para todos os públicos dirixida por Avelino González, interpretada por Félix Rodríguez e Fran Rei e con escenografía de Kukas. Trátase dunha peza que mestura música, maxia, humor, moito ritmo e participación do público, co universo da gastronomía e das festas de Nadal de fondo.
Os protagonistas desta peza familiar son dous recoñecidos cociñeiros que nos ofrecen un delicioso, exquisito, gorentoso, equilibrado e, sobre todo, afinado menú do día. En Saaabor de Nadal! estará presente a cociña propia destas datas, pero sen que se perda a filosofía de menús sinxelos e accesibles para todos os públicos, ademais do consumo responsable, a alimentación saudable e o comercio de proximidade. No repertorio musical da carta teñen cabida desde coñecidas panxoliñas ata a popular Marcha Radetzky de Johann Strauss.
Poderedes asistir a Saaabor de Nadal! nos seguintes concellos:
- A Pontenova. 13 de decembro ás 12:00 horas na carpa situada na Praza dos Fornos.
- Frades: 22 de decembro 16:30 horas no Edificio Multiúsos de Frades.
- Chandrexa de Queixa: 27 de decembro ás 18.30 noras no Edificio Multiúsos.
- Pontecaldelas: 29 de decembro ás 12.00 no salón de actos do CEIP Manuel Cordo Boullosa.
- Moraña: 29 de decembro ás 20 horas no Edificio Multiúsos.
Ecoralia
Máis música para os cativos e cativas da casa neste concerto en que o famoso músico infantil Pakolas nos guía coa súa forza interpretativa e o seu humor por un espectáculo onde a interacción e a participación do público, a animación, as caracterizacións e a música son os principais atractivos.
No concerto, Pakolas interpretará temas do seu último libro-disco, Ecoralia, que nos presenta a importancia dos alimentos ecolóxicos para coidar o medio natural tanto na terra coma no mar, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
- Vila de Cruces. 18 de decembro ás 18:00 horas no Auditorio Xosé Casal.
- Mugardos. 28 de decembro ás 19:00 horas no Casino Mugardés. EVENTO SUSPENDIDO
Santalices. O legado
Verónica Santalices e Federico Welicki ofrécennos o concerto didáctico Faustino Santalices. O legado, dedicado ao gaiteiro e musicólogo de Bande. Faustino Santalices (Bande, 1877 – Madrid, 1960) foi un dos grandes nomes da nosa cultura; un home que dedicou a súa vida a investigar, construír e interpretar instrumentos e que lles devolveu á zanfona e á gaita un lugar central na música galega. No mundo da música tradi, o seu nome soa con respecto e admiración. Porén, entre o público xeral aínda non ocupa o lugar que merece. Do mesmo xeito que todos sabemos quen foron Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro, tamén deberiamos coñecer e recoñecer a Faustino Santalices.
- Viveiro. 26 de decembro ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.
- Fisterra. 30 de decembro ás 12:00 horas no Mercado Cultural.
Cantares e contares!
A Rede de Dinamización Lingüística pecha o ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega con Tres Pesos, un trío de música tradicional formado por Felisa Segade (voz e percusión), Xoan Porto (gaita, clarinete, voz e percusión) e Xosé Antón Ferreira, máis coñecido como Pepe de Calo (acordeón, voz e percusión). Tres músicos unidos tras unha rica traxectoria que agora xunta experiencia e afinidade para alimentar un proxecto en común. Co obxectivos de que a roda da transmisión oral non se deteña, o concerto de Tres Pesos para este Nadal en Rede amplía o campo máis aló das cantigas e comparte co público unha ducia de Cantares e contares entrañables que eles recibiron xa doutros. Velaquí os lugares por onde pasará Tres Pesos este Nadal:
- Bueu. 22 de decembro ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.
- Cerceda. 23 de decembro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal.
- Neda: 26 de decembro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Neda.
Vicki e a felicidade
Espectáculo de teatro infantil a cargo da compañía Bandullo Azul cheo de humor e dos labores propios destas datas. Vicki e a felicidade proponnos unha viaxe a través da maxia e da música que mostra a importancia da empatía, da igualdade e dos coidados que melloran as nosas vidas e as das persoas que nos rodean.
- Ares. 19 de decembro ás 18:30 en Ares no Edificio Alianza Aresana.
- Outeiro de Rei. 20 de decembro ás 11:30 horas no Salón de actos da Casa da Cultura.
- Meaño. 23 de decembro ás 18:00 horas na Casa de Cultura.
- Abegondo. 29 de decembro ás 17:30 no Centro Cultural O Salón.
Gale-pop!
Francisco Castro & Banda traen a Nadal en Rede a maxia da música da man dos éxitos do pop galego dos últimos anos, cancións que todo o público coñece porque, nacendo en Galicia, soaron e triunfaron nas radios de toda España e levaron a música galega a un gran nivel de popularidade e de recoñecemento. Estes temas mostran a rica tradición musical galega, que vai máis aló das pezas tradicionais. Velaquí o calendario de actuacións para Gale-pop!:
- Salvaterra de Miño. 19 de decembro ás 19:00 horas na Praza do Concello.
- Coristanco. 26 de decembro ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal.
- Becerreá. 27 de decembro ás 18:00 horas na Casa da Cultura.
Xiro
Xiro é o territorio onde conversan as melodías tradicionais cantadas pola voz e percusións de Icía Kirk co saxo de Andrés Pérez e o acordeón de Xan Pampín. Un diálogo coa emoción e sabedoría que brota da linguaxe da música e do baile tradicional de Galicia, símbolo da nosa identidade como pobo. Este grupo de nova creación, nacido en 2025, actuará nas seguintes entidades da Rede de Dinamización Lingüística no marco deste Nadal en Rede:
- Outes. 21 de decembro ás 18:00 horas na Praza do Bosque.
- Viveiro. 23 de decembro ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.
- Lalín. 26 de decembro ás 19:00 horas na igrexa de Santa María das Dores.
- Manzaneda. 27 de decembro ás 12:00 horas no Centro de Día.
Solsticio de inverno
Neste concerto, A Pedreira abre un novo capítulo creativo no que dialogan, con naturalidade e forza, as súas composicións máis recentes e o repertorio tradicional que a acompaña desde a infancia. Cantareira de raíz fonda e creadora de mirada contemporánea, Ugia convértese nesta proposta nun fío que une xeracións, territorios e linguaxes.
A Pedreira revisita a tradición desde o presente, iluminando as coplas antigas con novas narrativas e ampliando o seu universo musical, cunha voz poderosa, sensible e profundamente galega.
- Ribadavia. 14 de decembro ás 19:30 horas na Praza de San Xoán.
- Ribadeo. 28 de decembro ás 20:30 no Auditorio Hernan Naval.
Contar
Espectáculo de narración oral a cargo do magnífico contador Celso Sanmartín, que recolle os seus relatos da tradición, verdadeiro tesouro de historias, e transmíteas con humor para todo tipo de públicos.
- Bóveda. 14 de decembro ás 18:00 horas no Centro Sociocultural.
- Carballedo, 21 de decembro ás 19:00 horas no Salón de Actos da Barrela.
- Ponteceso. 26 de decembro ás 18:00 horas na Casa das Fadas do Nadal (Avda. Eduardo Pondal, 41).
- Forcarei. 27 de decembro ás 18:00 horas no CentroSocial.
- Arzúa. 28 de decembro ás 18:00 horas na Capela da Madalena.
As lamberetadas de Nadal
Os Bolechas volven co seu especial de Nadal, unha proposta teatral, pero chea tamén de música, que fará as delicias dos pequenos da casa. No marco de Nadal en Rede estará presente en:
- Vimianzo. 21 de decembro ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura.
- Xinzo de Limia. 22 de decembro ás 19:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura.
- O Barco de Valdeorras. 23 de decembro ás 18:30 horas no Teatro Lauro Olmo.
- Bueu. 26 de decembro ás 19:00 horas no Centro Social do Mar.
- Padrón. 29 de decembro ás 18:00 horas no Auditorio Municipal.
- Viveiro. 2 de xaneiro ás 18:00 horas no Teatro Nicomedes Pastor Díaz.
- Foz. 3 de xaneiro ás 18:30 horas na Sala Bahía.
- Redondela. 4 de xaneiro ás 18:00 horas no Multiúsos de Chapela.
Obradoiro de xogos de mesa
Fisterra acollerá entre os días 22 e 26 de decembro 4 sesións dun obradoiro de xogos de mesa en galego a cargo de Brazolinda. Será no Mercado Cultural de 11:00 a 12:30 horas.
Circonove
A maxia do circo chega a Nadal en Rede con 6 espectáculos destinados a público familiar a cargo da compañía Pistacatro, que acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Circo:
- UP2DOWN. Circo-danza-funambulismo, con Marta Alonso e Paula Quintas)
- 23 de decembro. Curtis. Praza. 11:30 h.
- Autoestopista Intergaláctico
- 21 de decembro. Porto do Son. Casa da Cultura. 18:00 h.
- Trasno, con Pablo Reboleiro
- 26 de decembro. Sober. Casa da Cultura. 18:00 h. ACTUACIÓN CANCELADA
- CIGANÍ, con Antón Coucheiro
- 30 de decembro. Melide. Casa da Cultura. 12:30 h.
- Circanelo, con Alfredo Pérez Muiño
- 31 de decembro. Castro de Rei. Casa da Cultura. 16:30 h.
- NONO, con Arturo Cobas
- 23 de decembro. San Cristovo de Cea. Edificio Multiúsos. 19:00 h.
- 26 de decembro. Sober. Casa da Cultura. 18:00 h.