21 días co galego e + 2026

O próximo día 26 de febreiro terá lugar o IV Encontro 21 Días co galego e +, xuntanza que lle pon o ramo ao programa 21 días co galego e + da Secretaría Xeral da Lingua. Trátase dunha xuntanza lúdica e didáctica, que terá lugar no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño, no que se reunirán máis de 400 participantes, entre alumnado e docentes de educación infantil e primaria, para intercambiar diversas experiencias, música, bailes, xogos e outras actividades lúdicas.

  • 21 días co galego e +

    21 días co galego e +

O programa 21 días co galego e +, que vai xa pola VIII edición, está impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e ten como finalidade promover o uso do galego entre os máis cativos dentro e fóra das aulas. A súa singularidade reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado (21 días), na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e no feito de levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do enfoque máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en ”21 días co galego”, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o ano 2019 o programa foi asumido pola daquela Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Este curso escolar 2025-2026, a VIII edición desenvolveuse dende o 16 de xaneiro ata o 6 de febreiro nos seguintes centros educativos:

  • CEIP Anxo da Garda (A Coruña)
  • CEIP Isidro Parga Pondal, Oleiros (A Coruña)
  • CEIP Plurilingüe Os Tilos, Teo (A Coruña)
  • CEIP A Ponte (Lugo)
  • CEIP Benigno Quiroga Ballesteros (Lugo)
  • CEIP A Ponte (Ourense)
  • CEIP Irmáns Villar (Ourense)
  • CEIP Álvarez Limeses (Pontevedra)
  • CEIP Plurilingüe Ría de Vigo (Pontevedra)
  • CPR Plurilingüe Amor de Dios, Vigo

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + no que se mostran as creacións audiovisuais dos centros participantes e as temáticas para cada día que son froito do traballo colaborativo do profesorado de cada un dos centros educativos. Ao carón destes contidos ofrécense tamén outros máis lúdicos encamiñados a dar a coñecer a lingua e a cultura galegas.

Todo o alumnado participante visita a páxina oficial diariamente de luns a venres acompañado do seu profesorado e recibe as instrucións para cada xornada. Nesas indicacións aparecen propostas centradas na fala ao redor de temáticas relacionadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable), de maneira que, ademais de falar, as alumnas e os alumnos reflexionan sobre as preocupacións da sociedade actual, o que contribúe á súa formación como cidadás e cidadáns críticos e responsables co medio natural e social. Durante as fins de semana continúan as publicacións no blog, neste caso dirixidas ao público familiar, para que o alumnado non abandone o seu compromiso coa lingua durante o tempo de lecer.

Colaboracións externas

Polo que atinxe á presenza nos medios, cómpre destacar a colaboración co programa Galicia por Diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + tivo unha sección durante as tres semanas na que o alumnado dos diferentes centros conversou co presentador Kiko Novoa para contarlle á audiencia os temas que trataban e como estaba a ser a súa participación.