2026 - Begoña Caamaño
Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014). Letras Galegas 2026
Sétima muller á que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas (décimo terceira se temos en conta que en 2025 foron sete as cantareiras homenaxeadas). Foi xornalista e autora das obras narrativas Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), e outras que deixou inconclusas polo seu prematuro falecemento.
Begoña, unha precoz lectora dos mitos clásicos que reformulará nas súas novelas, criouse nos barrios vigueses do Calvario e de Coia, que estimularon o seu activismo social. Tamén na cidade olívica comezou a súa andaina laboral despois de rematar Maxisterio e participou en numerosos proxectos radiofónicos antes de trasladarse a Compostela.
En palabras do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, constitúe unha “soberbia achega e pulo feminista á literatura galega”. E, segundo a súa compañeira e amiga Ana Romaní, a súa traxectoria vital, nutrida de incesantes viaxes, é “definitivamente utópica, radicalmente vital”.
Arranca, pois, o ano de Begoña Caamaño.