Volver

Gramática xeroglífica

Gramática xeróglífica é unha obra baseada na utilización do pasatempo dos xeróglifos como ferramenta alternativa na ensinanza da lingua galega. A partir dun fondo de máis de 12.000 xeróglifos, o autor elaborou unha escolma organizada que permite desenvolver, de forma sinxela, aprendizaxes en diferentes ámbitos lingüísticos (gramática, léxico etc.). Convértese así nunha ferramenta privilexiada para traballar de forma lúdica e motivadora a materia da Lingua Galega, de forma individual mais tamén de forma colaborativa, en grupos.

Por outra parte, máis alá do valor do libro para a didáctica da lingua, os seus recursos propician unha saudable «ximnasia mental» e potencian habilidades cognitivas como a capacidade de reflexión, a atención, a creatividade, a memoria ou o pensamento crítico.

A obra presenta a seguinte estrutura:

  • Introdución (orixe e fundamentación do proxecto)
  • Gramática do xeróglifo (pautas fundamentais do funcionamento do pasatempo)
  • Do xeróglifo á gramática (selección organizada de xeróglifos co obxectivo de traballar contidos gramaticais)
  • Do xeróglifo ao léxico (selección organizada de xeróglifos co obxectivo de traballar contidos léxicos)
  • Propostas didácticas (descrición de diferentes propostas didácticas para a súa aplicación nas aulas)

O recurso está indicado en especial para o contorno educativo e, máis en concreto, para a docencia de Lingua Galega; porén, tamén pode ser empregado polo público xeral.

O autor, Carlos Luís Medrano Martínez ( 1966), é diplomado en Maxisterio e licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Durante máis de 15 anos traballou no eido editorial e desde 2012 exerce como docente no CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña. As súas publicacións xiran arredor da didáctica da lingua e da ludolingüística: 50 xogos de lingua. Técnicas de comunicacicomunicación oral e escrita (1994), Outros 50 xogos de lingua. Técnicas de comunicación oral e escrita (1998), Esfinxe. Relatos de pensamento creativo (2009), Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo (2012). Entre 2012 e 2018 sacou adiante, como proxecto persoal, o blog dedicado á ludolingüística e, desde 1988, colabora na prensa con pasatempos en lingua galega.