Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026

Centros premiados:

  • CEIPP Ribadavia 
  • IES Castelao (Vigo)

A Secretaría Xeral da Lingua (SXL), co fin de divulgar a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, pon á vosa disposición os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas da categoría A, correspondente a educación infantil e primaria, e da categoría B, correspondente a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, acompañados de cadansúa guía didáctica. Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Begoña Caamaño, un camiño de sementes, elaborada polo CEIPP Ribadavia (Ourense). O fío condutor dos dez carteis é a semente, símbolo da pegada que Begoña deixou e segue deixando na sociedade. Trátase dun harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a beleza estética e a cooperación de todo o alumnado na súa elaboración.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio foi para De Circe a Morgana, do IES Castelao, de Vigo, un traballo transversal que consegue plasmar a vida, obra e época de Begoña Caamaño a través dunha proposta técnica moderna e orixinal.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permitirá traballar nas aulas cos diversos recursos didácticos que ambos os centros nos propoñen arredor da traxectoria vital e da obra da autora homenaxeada. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén outros materiais, como marcapáxinas, que vos poden ser de utilidade.

Cómpre destacar que a colección de dez carteis que integra cada exposición e a súa correspondente guía didáctica está a ser distribuída en centros educativos de Galicia e do exterior, ademais de bibliotecas e outros espazos culturais. Tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.

Ademais, cada un dos centros gañadores recibirá un premio de 2 000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e elaboración dos traballos obterá unha certificación de primeiro premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación.

Documentos relacionados

  • Carteis Categoría A PDF

  • Carteis Categoría B PDF

  • Guía Categoría A PDF

  • Guía Categoría B PDF

  • Mosaico Categoría A PDF

  • Mosaico Categoría B PDF

  • Marcapáxinas Categoría A JPG

  • Marcapáxinas Categoría B JPG