Volver

CURSO SUPERIOR DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Limiar

A Administración galega, porfiando na súa encomenda estatutaria, continúa a se dotar dos mecanismos necesarios para acadar a plena reincorporación do idioma propio de Galicia a todos os espazos en que desenvolve a súa actividade ao servizo da cidadanía

A Administración galega, porfiando na súa encomenda estatutaria, continúa a se dotar dos mecanismos necesarios para acadar a plena reincorporación do idioma propio de Galicia a todos os espazos en que desenvolve a súa actividade ao servizo da cidadanía. Na persecución deste obxectivo, a formación específica do seu persoal tornouse nunha peza clave que permitiu experimentar importantes avances tanto na potenciación do noso idioma coma no asentamento dun modelo de lingua máis accesible e de calidade no seo administrativo. A irrupción das novas tecnoloxías aplicadas á aprendizaxe ofrece asemade un marco cheo de novas expectativas que cómpre aproveitarmos.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Escola Galega de Administración Pública, leva anos traballando para fornecerlle ao empregado público recursos áxiles e axeitados que favorezan a súa capacitación lingüística. O persoal cualificado e ben formado é consciente da importancia de que ofrecer un servizo de calidade implica usar un nivel de lingua axeitado, sen incorreccións nin interferencias, baseado nunha linguaxe clara, precisa e accesible. A calidade dos seus textos, tanto orais coma escritos, é xa que logo un indicador manifesto da calidade do servizo ofrecido.

Unha administración moderna debe seguir camiñando cara a unha comunicación eficaz cos seus interlocutores e procurar a xestión áxil e sinxela dos seus procedementos. Os cursos en liña de nivel superior de linguaxe administrativa e xurídica, ao igual ca os cursos de nivel medio, inciden no obxectivo de ofrecer un modelo de lingua profesional, clara e coherente coas necesidades da sociedade actual.

Agardamos que este novo recurso contribúa a enriquecer aínda máis o valor profesional do persoal ao servizo da Administración galega e que, ao tempo, sexa útil para impulsar o uso da lingua propia de xeito eficaz e correcto.

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

Sonia Rodríguez-Campos
Directora da EGAP