Volver

Lingua de Namorar 2022

Lingua de namorar é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Gañadoras e gañadores de Lingua de namorar 2022

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA A

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría A

Carmen Fernández Margusino (Ourense)

Á flor baixo a neve

A ti, que non es capaz de dicilo.

A ti, que nunca escoitaches un silencio tan forte cando tantas palabras necesitabas.

A ti, que es unha flor sepultada baixo a neve,

en espera dunha primavera que só ti podes facer chegar.

A min, aínda que agora non o sinto, algún día o poderei dicir.

quérote,

quérome.

 

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría A

Lucas Paz González (A Coruña)

Amor contraditorio

Amor monta cabalo e cingue armadura.

Peito lustroso e semblante gallardo;

no seu cavilar absorto cabalga

altivo guerreiro das causas soadas

Fóra da poesía, Amor murcho camiña descalzo,

roupa esfarrapada viste o seu corpo,

ferro luxado rodea os seus pulsos,

vencido guerreiro das causas perdidas.

Dualidade do amor: plenitude e carencia.

 

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría A

Laura Sande Vázquez (A Coruña)

Desde Vilamor ata Fisterra

Tiña unha ditosa sensación

que acelerou o meu corazón,

desde Vilamor ata Fisterra

nunha ruta de amor pola nosa terra.

Din que as palabras son levadas polo vento

mais díxenche “quérote, amor” cando facía bo tempo,

unha esdrúxula e unha aguda que non son tan graves

seguidas dun sorriso e unha chave.

 

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría B

Pedro Rodríguez Villar (Pontevedra)

O amor de iglú

O nórdico refúxianos cando cae a noite,

fóra del hai medos, desilusións, fracasos

e unha chea de palabras moribundas

que saen canda as lúas novas.

No interior estamos a salvo

co abrazo dos nosos corpos nus

nun refuxio de amor de iglús

e a ilusión brotando dun bico

que nos calma

no bule bule de erratas da vida.

 

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría B

Ania Ferreira Longueira (Vigo)

Dúas partes que son unha

Unha vez perdinte nun poema,

entón busquei onde poderiamos atoparnos.

Estariamos nunha aliteración

na anáfora da palabra amor,

talvez

na antítese do medo

sinestesia duns ollos falando,

pleonasmo nos erros,

circunloquio para irnos

onde comezamos.

Pero non, aquí estás:

es o espazo en branco,

a sílaba perdida

das palabras que non podo rematar.

 

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría B

Andrea López Otero (Lugo)

Filautía

Existe

Todo aquilo que somos,

dentro deste corpo aloumiñante.

En min

persoal e venturosa

fausta nun mundo poderos

nunha mente fría

que non deixa de ferver.

Existe

Un suspiro mainiño;

a forza da vertixe

un ollar devagar.

Rotundos e incandescentes,

fogosos

finitos

os pensamentos do /eu/

Eu

que a cada espazo

de tempo

veloz

lenta viva

/eu/

me quero

 

MENSAXE GAÑADORA DA CATEGORÍA C

Sofía Muñiz Somoza (Cambados, Pontevedra)

@sofi.mso

#Pulsión

Na congregación de mensaxes atemporais conflúe a secuencia de pulsións que aviva o itinerario compartido.

Convocatoria de Lingua de namorar 2022

Para participar no concurso nas categorías A (de 14 a 19 anos) e B (de 20 a 35 anos), só cómpre cubrir e enviar este formulario e as mensaxes que participen nestas dúas modalidades publicaranse na páxina do concurso: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar

Para participar na nova categoría C (exclusiva para Instagram), cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadiranse os seguintes cancelos e etiquetaxes: #LinguaDeNamorar #NamorarEnPandemia @linguagalega. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B, e 200 caracteres na categoría C (de IG), incluídos os espazos en branco.

Características das mensaxes

Cada participante poderá enviar ata dúas mensaxes cunha extensión máxima de 350 caracteres no caso das categorías A e B, e 200 caracteres na categoría C (de Instagram), incluídos os espazos en branco.

Categorías de idade e premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

- 1º Patinete eléctrico Youin You-Go L

- 2º Tocadiscos Nevir retro

- 3º Reloxo intelixente con esfera curvada 2.5D

Establécese un premio para a categoría C:

- 1º Patinete eléctrico Youin You-Go L

Prazos de participación e votación

O prazo para enviar as mensaxes remata o venres 18 de marzo.

Do 21 ao 27 de marzo abrirase o período de votación. As persoas que desexen votar polas súas mensaxes favoritas nas categorías A e B deberán cubrir o formulario que se habilitará para o efecto na páxina do concurso.

No caso da nova categoría C, a mensaxe gañadora seleccionarase en dúas fases:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo que respecten o indicado nestas bases.

2. O 31 de marzo daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público dende o 1 ao 8 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Resolución do concurso

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 12 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @xuventudegalicia e @linguagalega.

Entrega de premios

No mes de abril terá lugar a entrega de premios.