Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores
Curso: 2025-2026
Entre as iniciativas que o EDLG e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do CPI Cruz do Sar organizan con motivo do centenario do pasamento de Florencio Vaamonde Lores, está a homenaxe que se lle renderá o vindeiro 19 de outubro en Bergondo, terra natal desta senlleira figura do Rexurdimento.
A conmemoración comezará cun roteiro polos lugares máis significativos na vida do autor que finalizará na igrexa de San Xoán de Ouces, onde autoridades e familiares presentarán unha ofrenda floral na súa honra. Alén destes actos, a veciñanza e as persoas interesadas poderán asistir, no centro sociocultural da Senra, a un faladoiro literario que contará coas máis destacadas estudosas da obra de Vaamonde Lores: Isabel Seoane e Teresa Amado. A xornada rematará coa actuación de Manoele de Felisa, que musicará algúns dos poemas máis emblemáticos do autor.
Ao día seguinte, 20 de outubro, estes actos conmemorativos terán continuidade no centro educativo coa programación de distintas actividades lúdicas, que lle axudarán ao alumnado a coñecer mellor o seu ilustre veciño.