ReTransmite
ReTransmite é un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística nado ao abeiro do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade e destinado ao alumnado de educación secundaria e bacharelato dos centros de ensino público de Galicia.
Esta iniciativa, que busca propiciar un diálogo interxeracional en galego e sobre o galego, conta coa colaboración dos equipos de dinamización da lingua galega e ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade e aumentar nela -e no conxunto da poboación- a imaxe positiva da lingua, ao relacionala coas novas formas de comunicación.
Desenvolveuse de forma experimental durante o curso 2019-2020 nos seguintes centros:
- IES Plurilingüe Maruxa Mallo, de Ordes
- IES Campo de San Alberto, de Noia
- IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, de Silleda
- CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito
- IES de Barro, de Barro
- IES Carlos Casares, de Viana do Bolo
Iniciouse no mes de outubro cun curso básico de produción e de edición de vídeo de dúas horas de duración para o profesorado en cada un dos centros para que deste xeito puidese guiar o alumnado nas producións que ía realizar.
Deseguido, instalouse en cada isntituto un espazo a modo de set de TV: o espazo ReTransmite, onde o alumnado, co asesoramento do equipo de profesoras e profesores participante, realizou programas de TV e gravou o material audiovisual para eles. Foi unha especie de discreto “plató” que visitaron persoas de idade (nais, pais, avoas, avós, tías, tíos, amigas, amigos...) para falaren en galego e do galego coa xente nova e tamén do mundo que lles tocou vivir a uns e outros.
As pezas audiovisuais foron gravadas con tecnoloxías móbiles (teléfonos ou tabletas), cos formatos de pílula informativa e de flashmob e unha duración máxima de 5 minutos. Fíxose especial fincapé en salientar, a través do guión e graficamente, palabras, expresións e curiosidades arredor da lingua que se foron xerando nas conversas. A mellor pílula informativa e o mellor flashmob recibiron un agasallo tecnolóxico.
CALENDARIO DOS OBRADOIROS | ||
---|---|---|
CENTRO | DATA | HORA |
IES Plurilingüe Maruxa Mallo, de Ordes (A Coruña) | Mércores, 2 de outubro de 2019 | 11:45 horas |
CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito (Lugo) | Luns, 7 de outubro de 2019 | 16:00 horas |
IES Campo de San Alberto, de Noia (A Coruña) | Mércores, 9 de outubro de 2019 | 16:30 horas |
IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, de Silleda (Pontevedra) | Xoves, 10 de outubro de 2019 | 17:30 horas |
IES de Barro, de Barro (Pontevedra) | Luns, 14 de outubro de 2019 | 16:00 horas |
IES Carlos Casares, de Viana do Bolo (Ourense) | Mércores, 16 de outubro de 2019 | 13:10 horas |
|