Volver

#ACULTURASEGUE

Falar sen cancelas. Cooperativa Cultural

Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Estas sete pezas audiovisuais son gravacións do espectáculo teatral Falar sen cancelas, protagonizado por Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei; unha obra cómica que soubo atopar a complicidade de todo tipo de públicos cunha mensaxe moi clara: o orgullo de sermos galegos.

A partir de textos dos tres actores e mais de Diego Rey e de Avelino González, faise unha revisión crítica e humorística da nosa cultura, do noso xeito de ser e da nosa maneira de comunicarnos na procura dos ingredientes que compoñen a apócema da galeguidade.

Retranca

Partimos de Muxía para atopar a esencia da galeguidade. Alí, nun restaurante do porto, descubriremos as vantaxes da retranca.

Avoa

A segunda etapa na procura da identidade galega é Sabucedo (A Estrada, Pontevedra), onde aprenderemos como é unha avoa prototipicamente galega.

Código secreto

Aínda no curro de Sabucedo, continúa a busca dos elementos que compoñen a galeguidade para darmos cun código de comunicación secreto propio das barras das tabernas ou das marquesiñas de bus.

Xenerosidade

Para coñecer a esencia da galeguidade cómpre pasar pola taberna, onde saberemos da xenerosidade que caracteriza os galegos.

Pesimismo ou modestia?

En Allariz, a pescuda da esencia da galeguidade lévanos a falar do pesimismo, porque os galegos tamén temos algún defectiño... ou non.