Valentín García asiste á entrega do XXXV Premio Blanco Amor de Novela Longa

Volver

Nesta edición, o galardón recaeu no narrador, ensaísta e investigador Miguel Anxo Fernández
Dende hai dous anos, a Deputación de Ourense convoca un certame que naceu no 1981 por iniciativa do concello de Redondela

Ourense, 1 de decembro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística asistiu este serán no Liceo de Ourense á entrega do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que nesta súa XXXV edición reaceu no narrador, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández pola novela “Blues para Moraima”. O acto de entrega faise coincidir co aniversario do pasamento do novelista que lle dá nome ao galardón e para quen este pretende ser unha homenaxe.

A cerimonia de entrega, presentada polo xornalista Juan Maceiras e amenizada pola música de Emilio Rúa, contou coas intervencións do presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar Blanco; o premiado, Miguel Anxo Fernández; o poeta, presidente do Pen Club Galicia e presidente do xurado Luis González Tosar e o profesor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, quen presentou unha grabación sonora de Eduardo Blanco Amor. Ao remate do evento os asistentes recibiron o libro “Querido Eduardo”, que recolle a correspondencia entre o galeguista Suárez-Picallo e Eduardo Blanco Amor.

Blues para Moraima
O xurado do XXXV Premio Blanco Amor de Novela Longa -integrado polo poeta Luis González Tosar, a crítica literaria Ánxela Rodríguez, os profesores Ramón Gutiérrez e Luciano Rodríguez e a escritora Inma López Silva- decidiu recoñecer con este galardón a novela “Blues para Moraima”, do escritor carballinés Miguel Anxo Fernández.

O ditame do xurado sinala que a obra gañadora mostra coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor no “punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística sobre a diáspora”. Destaca ademais a súa “axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa o lector”.

Premio Blanco Amor de Novela Longa
O Premio Blanco Amor de Novela Longa, un dos máis relevantes do sistema literario galego, xurdiu no ano 1981 por iniciativa do concello de Redondela, que quería deste xeito renderlle homenaxe a un dos narradores máis destacados da nosa literatura. A organización do premio foi rotatoria entre os 50 concellos galegos convocantes ata que hai dous anos se fixo cargo dela a Deputación de Ourense co fin de garantir a súa continuidade.

Na lista de galardoados destes 35 anos de andaina do certame figuran nomes tan relevantes coma os de Víctor Freixanes, Alfredo Conde, Fran Alonso, Úrsula Heinze, Suso de Toro, Séchu Sende ou Inma López Silva, entre outros.