O Concello de Baltar réndelle tributo a Olimpia Valencia, primeira médica galega

Volver
  • O conselleiro de Sanidade e o secretario xeral de Política Lingüística na descuberta da placa conmemorativa no Centro de Saúde de Baltar (Ourense), concello de nacemento da médica galeguista Olimpia Valencia
  • O conselleiro de Sanidade e o secretario xeral de Política Lingüística na descuberta da placa conmemorativa no Centro de Saúde de Baltar (Ourense), concello de nacemento da médica galeguista Olimpia Valencia

O acto contou coa participación do conselleiro de Sanidade e mais do secretario xeral de Política Lingüística

Baltar (Ourense), 29 de xullo de 2017.-  O concello ourensán de Baltar, lugar de nacemento de Olimpia Valencia, primeira muller galega licenciada e doutorada en Medicina, acolleu hoxe á tarde unha homenaxe a esta pioneira, no marco da celebración da IX Festa Popular celebrada na Área Recreativa O Caneiro. A ela sumouse a Xunta de Galicia representada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, así como o Parlamento galego e mais a Deputación Provincial de Ourense.
 

Muller, médica e galeguista

Olimpia Valencia López (1898-1987) pasou a súa infancia no concello ourensán de Baltar, onde nacera. Con 12 anos trasladouse a Vigo. Co apoio da súa familia, estudou Medicina en Santiago de Compostela, a pesar da incomprensión dunha sociedade que consideraba esta unha carreira pouco axeitada para unha muller. En 1925 obtivo a licenciatura cun expediente brillante e, aínda que aspiraba a especializarse en enfermidades do pneumotórax, cedeu á presión de profesores, amigos e familiares que a levaron cara a unha especialidade relacionada coa maternidade: a xinecoloxía.

En Madrid, onde residiu na Residencia de Señoritas dirixida por María de Maetzu, preparou e defendeu a súa tese “Variaciones de la colesterina en relación con la anestesia” e, de volta a Galicia, abriu consulta na Cidade Olívica. Ás dificultades iniciais para ser recoñecida como médico pola sociedade viguesa sumouse a súa detención en 1937, durante a guerra civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista. A pesar de ser liberada aos poucos días, a consecuente fama de “roja” restoulle pacientes.

Olimpia Valencia aceptara en dúas ocasións encabezar coa súa sinatura escritos galeguistas asinados só por mulleres: un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas (1931) e outro a prol do Estatuto de Autonomía (1936). Tras a guerra, optou por unha vida centrada no estudo e na súa consulta de xinecoloxía, ámbito en que o seu prestixio profesional sería crecente.