Volver

Clun e Política Lingüística entregan os premios do Certame de Microrrelatos Feiraco Letras Galegas

Os premiados da VII edición recolleron os seus galardóns nun acto no que participaron​ Valentín García, José Montes e Víctor Freixanes

  • Entrega de premios do Certame de Microrrelatos Feiraco Letras Galegas
  • Entrega de premios do Certame de Microrrelatos Feiraco Letras Galegas

Ames (A Coruña), 12 de xullo de 2018.- Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e Política Lingüística entregaron hoxe os premios do Certame de Mocrorrelatos Feiraco Letras Galegas 2018, nun acto que se celebrou na sede de Feiraco, na Ponte Maceira, e no que participaron o vicepresidente de CLUN, José Montes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Recibíronos Arcadio Mallo, Tania Vidal e Susana Villamor, na categoría adulta, e Lorena Fernández, Ariana Núñez e Nerea Costa, na xuvenil, polas súas composicións breves iniciadas co fragmento da A festa no faiado, de María Victoria Moreno, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, “Subiu ata o faiado da casa e alí...”. Os premios incluíron un cartel chapado vintage da campaña “practica a LEITura”, lotes de libros de literatura galega, lotes variados de produtos lácteos de CLUN e dúas estadías de fin de semana para dúas persoas no Pazo de Lestrove cedidas por Pousadas de Compostela, entidade colaboradora no premio. No acto participaron tamén o director da división Láctea e a xefa de Márketing de CLUN, Pablo Gómez e Adali Morales, respectivamente; e a escritora Rosalía Morlán, presidenta do xurado.

O certame, cada ano máis consolidado, forma parte da tradicional campaña promocional de CLUN con motivo da celebración da efeméride das Letras Galegas. Este ano incluíu a campaña de animación á lectura “Practica a LEITura”, que permitiu optar a un dos 150 carteis vintage que sorteu a cooperativa; e a colaboración na Carreira do Camiño das Letras e nos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A reedición dos contos De onde vén o leite?, para achegarlle á xente miúda os procesos de obtención do leite desde a granxa á mesa, completou nesta edición as accións conmemorativas da festividade do 17 de maio.

A iniciativa que reflite o compromiso de CLUN co idioma propio, deixando constancia da plena identificación da compañía e as súas marcas con Galicia e os seus valores. Exemplos desta aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia, son outras campañas estacionais que impulsa coma o Entroido ou o San Xoán.