A Xunta destaca a adaptación aos cambios como clave para que as empresas poidan medrar e mellorar a súa competitividade

Volver
  • O director do Igape, Javier Aguilera, que participou esta mañá en Santiago na apertura da terceira edición da xornada “O mundo que vén”
  • O director do Igape, Javier Aguilera, que participou esta mañá en Santiago na apertura da terceira edición da xornada “O mundo que vén”

O director do Igape, Javier Aguilera, que participou esta mañá en Santiago na apertura da terceira edición da xornada “O mundo que vén”, salientou que unha das primeiras capacidades das compañías debe consistir en saber ler os sinais externos de muda para actuar en consecuencia e seguir avanzando

Subliña os programas Reacciona e Formación 4.0 como outras achegas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover a adaptación do capital humano das empresas aos cambios
 

Santiago, 11 de outubro de 2016.-O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a lectura constante dos sinais de muda na contorna e a capacidade de adaptación aos cambios como actuacións claves para que as empresas poidan mellorar a súa competitividade e medrar. Durante a súa intervención na apertura da terceira edición de
O mundo que vén, organizado conxuntamente con APD como evento central do proxecto Capacita Directivos, Aguilera destacou que o obxectivo é procurar que os executivos empresariais levanten a mirada dos labores de xestión cotiá para detectar tendencias de cambio, interpretar como poden afectar ás súas empresas e obrar, de maneira anticipada, en consecuencia.

Aguilera salientou que os directivos deben ser os destinatarios desta formación con potencial de anticipación, porque son os que dispoñen da capacidade de cambiar as empresas, a partir da revisión continua do que están a facer para incorporar o que poida proporcionar valor e descartar o caduco. Non abonda con ser bo nun cometido específico, engadiu, cómpre unha mellora continua para intentar adiantarse aos cambios procurando ler o mundo que vén.

Para apoiar aos directivos e cadros intermedios das empresas, especialmente das pemes, fronte a este importante reto, para promover a adaptación do capital humano das empresas aos cambios que chegan de xeito continuado, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar, igualmente a través do Igape, programas como o Reacciona, o Reacciona TIC ou o programa de Formación 4.0.

Neste sentido, o director do Igape indicou que as empresas, especialmente ás de pequena e mediana dimensión, deben apostar pola formación continuada e a profesionalización de todas as súas áreas de xestión como mellor garantía para definir estratexias axeitadas para adaptarse aos cambios relevantes e para reaccionar con flexibilidade e rapidez diante deles.

Aguilera engadiu que a Xunta está a desenvolver a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 para procurar que as empresas dean o salto cualitativo necesario para avanzar no novo modelo industrial. Para iso, insistiu, a detección temperá dos cambios e a adaptación a eles serán claves para progresar.

A terceira edición de O mundo que vén incluíu relatorios que abordaron os principais aspectos dos cambios que afectan especialmente ao mundo empresarial: que está pasando no mundo; de que xeito a tecnoloxía está a cambiar o ámbito das empresas; a cartografía do mundo que vén para coñecer novas formas de facer as cousas, como a impresión 3D; ou a educación como clave de futuro.
 

Departamento: Tema: Economía