Trap en galego, pop bizarro e garage punk festeiro para musicar o Atardecer no Gaiás desta semana

Volver
  • Boyanka Kostova
  • Terbutalina

Boyanka Kostova, Hidrogenesse e Terbutalina musicarán, nestes tan diferentes estilos, os solpores do xoves, venres e sábado, respectivamente

Esta semana contarase con dúas sesións de pinchadas: a de La SinCeridad e a de Chus Silva

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2017.- Tres estilos ben diferentes pero igual de divertidos musicarán os solpores desta semana do Atardecer no Gaiás, que arranca mañá xoves, día 10, coa novidosa proposta do primeiro grupo de trap en galego, Boyanka Kostova, ao que lle seguirá o venres o coñecido pop bizarro de Hidrogenesse. E para rematar, o festeiro garage punk de Terbutalina convidará o sábado a bailar.

O trap é un xénero musical emerxente que conta cada día con máis seguidores. Os seus ritmos móvense nos lindes entre o hip hop e o reggaeton e con letras que falan da vida de barrio desde a primeira persoa, sen edulcorantes e desde a autenticidade, e que ten en Boyanka Kostova o primeiro referente en galego.

As composicións e música desta formación compostelá pretenden ser universais e o seus directos amosan unha conexión total co público, nun convite continuo a bailar ao son dos seus ritmos hipnóticos e minimalistas e do seu carismático e singular flow costumista.

O venres tócalle a quenda a unha formación con máis bagaxe musical, Hidrogenesse, pero que seguen a facer alarde das mesmas letras frescas que rachan con calquera convencionalismo. Imposible resistirse ao pop bizarro e ao art-rock electrónico deste dúo inclasificable que levan 18 anos animando as pistas de varios continentes e, nesta ocasión, a pista que se formará na Praza Central no Gaiás. Prolongará a festa, por cortesía da Cantina do Gaiás, unha sesión DJ a cargo de La SinCereza PinchaCumbia.

A fin de festa do Atardecer no Gaiás desta semana vaina pór o garage punk festeiro de Terbutalina. Os do Barbanza son sinónimo de diversión e de bailar. Nisto contribuirá a pinchada posterior do DJ Chus Silva, prevista para a pasada actuación de Músculo! e que tivo que ser aprazada por mor da choiva.

Todas as citas de Atardecer no Gaiás comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 ás 22:45 horas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua