Valentín García resalta a importancia da Lei Paz Andrade na presentación de ‘Viaxe á illa do Corvo’

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá á Sala dos Reis do Parlamento de Galicia para participar na presentación da edición bilingüe en portugués e galego da obra de Raul Brandão “Viaxe á illa do Corvo”
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá á Sala dos Reis do Parlamento de Galicia para participar na presentación da edición bilingüe en portugués e galego da obra de Raul Brandão “Viaxe á illa do Corvo”

A obra do escritor portugués Raul Brandão en edición bilingüe deuse a coñecer no marco dos actos celebrados no Parlamento de Galicia con motivo da chegada dunha delegación da Asemblea Lexislativa das Illas Azores

A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, foi aprobada polo Parlamento de Galicia no ano 2014 para promover o coñecemento da lingua portuguesa e as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá á Sala dos Reis do Parlamento de Galicia para participar na presentación da edición bilingüe en portugués e galego da obra de Raul Brandão “Viaxe á illa do Corvo”. Esta presentación forma parte dos actos que se están celebrando con motivo da visita ao Parlamento de Galicia dunha delegación da Asemblea Lexislativa das Illas Azores encabezada pola presidenta desta cámara, Ana Luísa Pereira Luís.
Valentín García expresou a súa satisfacción pola chegada a Galicia da delegación azoriana e valorou “o papel que está xogando a Lei Paz Andrade para activar a relación dos galegos con comunidades irmás que comparten connosco estreitos vencellos lingüísticos e culturais, así como para descubrirlle á cidadanía galega a potencialidade da súa lingua propia para a comunicación con elas, máis alá das fronteiras autonómicas”.
A canda o secretario xeral de Política Lingüística, interviñeron na presentación de “Viaxe á illa do Corvo” os presidentes do Parlamento de Galicia e da Asemblea Lexislativa das Illas Azores, Miguel Ángel Santalices Vieira e Ana Luísa Pereira Luís, respectivamente; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes; o profesor e investigador do Centro de Estudos Humanísticos da Universidade dos Açores Urbano Bettencourt e o profesor e académico da RAG Xesús Alonso Montero.
O secretario xeral asistiu tamén á inauguración da exposición fotográfica “Açores, silêncio e ser”, que tivo lugar a continuación e que poderá ser visitada no Pazo do Hórreo durante as próximas semanas.

Edición bilingüe da ‘Viaxe á illa do Corvo’

O traballo “Viaxe á illa do Corvo”, que o escritor Raul Brandão publicou como parte da obra “As illas desconhecidas. Notas e paisaxes” dous anos despois da súa visita ao arquipélago dos Azores en 1924, é unha peza imprescindible da literatura de viaxes portuguesa e resultou no seu momento unha obra fundamental para o coñecemento dos Azores.
A edición presentada hoxe no Parlamento de Galicia conta, amais de co orixinal portugués, cunha tradución ao galego a cargo do escritor Xesús Rábade Paredes e mais cun estudo introdutorio do profesor Alonso Montero onde se repasan os vínculos entre Raul Brandão e algúns escritores galegos do seu tempo.

Lei Paz Andrade

A lei de iniciativa popular para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía ou Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2014, obriga os poderes públicos a promover o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas, así como a promover as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa.
O secretario xeral de Política Lingüística participou en xullo de 2016 na visita institucional que, como resposta ao convite da Asemblea Lexislativa da rexión autónoma dos Azores, realizou unha delegación galega encabezada polo presidente do Parlamento de Galicia e que tamén integraron os presidentes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega. Daquela, o Parlamento de Galicia trasladou á sede do Lexislativo dos Azores unha exposición divulgativa sobre os autores galegos homenaxeados nas diferentes celebracións do Día das Letras Galegas e presentou dous libros: “Zara. Edição Polyglotta”, facsímil do exemplar que se conserva na biblioteca da Fundación Curros Enríquez, e “Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas”, obra do profesor e entón presidente da RAG Xesús Alonso Montero e da profesora Beatriz García Turnes.
A Asemblea dos Azores devolve agora aquela visita institucional participando en diversos actos organizados entre hoxe e mañá pola Cámara galega co fin de reforzar os vínculos con esta comunidade lusófona. Ademais de acudir ao Parlamento de Galicia, a delegación Azoriana coñecerá de primeira man enclaves de importancia turística, industrial ou cultural de Galicia; visitará a sede do Consello da Cultura Galega e será recibida polo presidente da Xunta.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua