Valentín García participa en Coímbra no panel de expertos ‘Neofalantes e o futuro dos medios galegos’

Volver

O panel forma parte do congreso “Neofalantes nunha Europa multilingüe: políticas e prácticas” que se celebra na universidade portuguesa entre o 14 e o 16 de setembro

O secretario xeral de Política Lingüística chamou a atención sobre a complementariedade das accións a prol do galego emanadas do goberno e as xurdidas entre da cidadanía e avogou pola colaboración para garantir o futuro da lingua
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na Universidade de Coímbra no panel “Neofalantes e o futuro dos medios galegos: papel dos xornais galegos sostidos por financiamento colectivo na creación de políticas lingüísticas de abaixo arriba”, que se celebrou na Universidade de Coímbra no marco do congreso “Neofalantes nunha Europa multilingüe: políticas e prácticas”.
O secretario xeral analizou o peso dos neofalantes nos procesos de promoción e transmisión da lingua galega para concluír que teñen un papel fundamental por mor da súa “praxe lingüística especialmente consciente e activa”, que os leva a tomar a iniciativa a prol da normalización lingüística. Valentín García valorou esta actitude e avogou pola colaboración entre as institucións e a cidadanía máis comprometida co futuro do galego para complementaren as súas accións e garantiren así a vitalidade da lingua propia de Galicia. García considerou que isto debe facerse en calquera ámbito da vida e puxo o exemplo dos xornais dixitais integramente escritos en galego, xurdidos dende a base e actualmente apoiados pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas especificamente dedicada a eles.
No panel de expertos, coordinado polos sociolingüistas Bernadette O’Rourke e Anik Nandi, participaron tamén os xornalistas Xurxo Salgado, director de Galicia Confidencial e profesor de Ciberxornalismo na Universide de Santiago de Compostela, e Ubaldo Cerqueiro, director de Que pasa na Costa e vicepresidente da Asocición de Medios en Galego (AMEGA).


Neofalantes nunha Europa multilingüe

O simposio “Nefoalantes nunha Europa multilingüe: políticas e prácticas” que se celebra na Universidade de Coímbra (Portugal) do 14 ao 16 de setembro de 2017 é o terceiro congreso da rede “The Newspeakers” (Neofalantes) da European Cooperation in Science and Techology (COST) , que durante os últimos catro anos fomentou o diálogo e a colaboración entre investigadores, responsables políticos e outros actores interesados nas dinámicas que lles afectan aos cidadáns que traspasan as fronteiras sociais para comprometerse con linguas diferentes á súa nativa.

O congreso conta con grupos de traballo, conferencias e paneis de expertos entre os que se encontra o centrado nos neofalantes galegos e os medios de comunicación. Unha das súas coordinadoras, a profesora da Heriot-Watt University de Edimburgo, Bernadette O’Rourke, lembrou, precisamente, que “moitas das políticas e estudos iniciais sobre o neofalantismo teñen a súa orixe en Galicia”.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua