García Porral recompila en ‘De mouros, mouras e tesouros’ máis de cincocentas Lendas do Deza

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao serán o autor lalinense no acto de presentación, no Museo do Pobo Galego
  • O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao serán o autor lalinense no acto de presentación, no Museo do Pobo Galego

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao serán o autor lalinense no acto de presentación, no Museo do Pobo Galego

A obra sae do prelo da man de Edicións Fervenza co apoio da Consellería de Cultura
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017.- O escritor Xoán Carlos García Porral recompila na obra “De mouros, mouras e tesouros. A Comarca do Deza” un total de 516 lendas de mouros e mouras dos concellos desta bisbarra nun volume que sae do prelo da man de Edicións Fervenza co apoio, entroutros, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou o autor lalinense no acto de presentación do libro, que se celebrou hoxe ao serán no Museo do Pobo Galego.

Valentín García destacou “os quince anos de esforzo investigador competente e serio que están detrás desta obra”, que considerou “un traballo fundamental para o coñecemento da literatura popular en lingua galega, pero tamén para a comprensión da chamada toponimia lendaria e da nosa cultura en xeral”.

Ademais do secretario xeral e do autor, na presentación do libro interviñeron Miguel Villar, empresario e presidente da Fundación Amigos de Galicia; Lito Andión, presidente de Cooperativa Hoxe; Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo; Matías Rodríguez da Torre, profesor e escritor; Lorena Recimil e Bernardo Insua, ambos os dous, ilustradores.

516 lendas de mouros, mouras e tesouros

“De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza” é unha obra de investigación na que se recompilan 516 lendas de mouros dos concellos que integran a dita bisbarra: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. A obra sae do prelo logo de 15 anos de investigación exhaustiva do seu autor, editada por Fervenza e coa colaboración da Xunta de Galicia, da Cooperativa Hoxe e do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

As lendas, recollidas na segunda parte do libro, están precedidas dun estudo introdutorio sobre a función dos mouros, as mouras e os tesouros no imaxinario popular galego e seguidos dunha análise dos relatos recollidos. De máis a máis, a obra contén un anexo cunha ligazón que permite xeolocalizar os espazos onde se sitúan as lendas, que se marcan cun símbolo distintivo en función da súa temática.

Patrimonio histórico-cultural da Comarca do Deza

Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín, 1974) é doutor en Antropoloxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural. Conta cun Mestrado en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo Centro Superior de Investigacións Científicas e a USC e a súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca do Deza. Froito dela son os libros “Goiás, vida dunha parroquia rural galega”; “Realidade eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina”; “Modernización rural e tradición cultural”; “Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín”; “De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea”; e “O mundo dos castros. A comarca de Deza”. No eido da creación literaria publicou recentemente o libro de relatos “O último caseiro” en Edicións Fervenza.

Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu equipo de dinamización da lingua galega, impulsou o proxecto “A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda”, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego no curso 2014-2015.


 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua