Volver

O III premio Ofelia Devesa recoñece audiovisuais en galego feitos polo alumnado para divulgar ciencia

  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega destes premios do IES Arcebispo Xelmírez II
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega destes premios do IES Arcebispo Xelmírez II
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega destes premios do IES Arcebispo Xelmírez II

O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega destes premios do IES Arcebispo Xelmírez II

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no IES Arcebispo Xelmírez II no acto de entrega do III Premio Ofelia Devesa de Educación Activa, auspiciado por Carlos Lema Devesa e polo instituto compostelán para promover a investigación, a divulgación e a creatividade entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato.

Valentín García valorou a iniciativa do instituto, “que lle propón ao alumnado unha tarefa moi atractiva -a de facer un produto audiovisual, a de empregar unha linguaxe tan presente na súa vida diaria e que tan importante é que dominen de cara ao futuro- que os estudantes desenvolven perfectamente en galego”. Na mesma liña, e dirixíndose ao alumnado, o secretario xeral destacou “que cos vosos traballos demostrades que se pode falar de calquera tema na lingua propia de Galicia e creades un material que lles vai ser útil aos vosos compañeiros e mesmo aos vosos profesores”, porque “todos os que fomos estudantes temos a experiencia de que, ás veces, ante unha dificultade coa materia, facilitaba a comprensión oír a explicación dun compañeiro, que falaba desde o noso mesmo nivel e que tiña próximos os atrancos que nós mesmos viamos”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na entrega de premios o promotor do premio, Carlos Lema Devesa; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o oncellleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios; a directora do centro, Ana M. Alonso.

Das neuronas a Dióxenes

Na categoría de primeiro, segundo e terceiro da ESO o traballo gañador foi o vídeo Dióxenes, dos alumnos Pablo Pazos Domínguez e Antón Etxeita Figueroa; o segundo premio recaeu en Ludwig, de Daniel Noya García e Manuel Vea Santos, e o terceiro no audiovisual A muller que vivía no futuro, de Beatriz Torreira Iglesias.

Entre as propostas presentadas polo alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato, o xurado escolleu Entre cables e neuronas, de Rosalía Rodríguez Cruz. Mereceu o segundo premio Candalieri, da alumna Candela Code López, e o terceiro, Sol e Lúa, de Yaiza Álvarez Couselo e Belén Hernández Garabal.

Audiovisuais en galego para divulgar coñecemento

O III Premio Ofelia Devesa de Educación Activa ten como finalidade promover a investigación, a divulgación e a creatividade entre o alumnado de educación secundaria e bacharelato. Con este fin, premia os mellores traballos audiovisuais en galego elaborados polos estudantes para responder algunha pregunta científica ou para dar a coñecer algún aspecto científico de calquera campo do saber, desde os máis técnicos ata os sociais e humanísticos. Os participantes no certame deben abordar esta tarefa, non ao modo tradicional, senón de xeito que eles mesmos sexan os protagonistas das historias.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua