Fene acolle mañá a estrea de 'Asubíos', a nova peza teatral de dinamización lingüística do 'Falaredes'

Volver
  • O concello coruñés de Fene acolle mañá a estrea de Asubíos, a nova peza teatral de dinamización lingüística do programa FalaRedes
  • O concello coruñés de Fene acolle mañá a estrea de Asubíos, a nova peza teatral de dinamización lingüística do programa FalaRedes
  • O concello coruñés de Fene acolle mañá a estrea de Asubíos, a nova peza teatral de dinamización lingüística do programa FalaRedes

O secretario xeral de Política Lingüística e o alcalde presentaron hoxe a proposta de Elefante Elegante, que percorrerá vinte localidades

Xoán Curiel e a banda Son+d2 pechan mañá en Burela a xira que os levou a 15 concellos coa actividade musical 'A casa do terror'

A entrada a todos os espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados
 

Fene (A Coruña), 28 de setembro de 2018.- O concello coruñés de Fene acolle mañá a estrea de Asubíos, a nova peza teatral de dinamización lingüística do programa FalaRedes, “no marco dunha xira de funcións exclusiva para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que percorrerá 20 localidades galegas ata decembro”. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa da súa presentación, destacou que o FalaRedes “é o programa de dinamización lingüística máis consolidado nas axendas culturais dos concellos”. “Un programa que se caracteriza por ir sempre da man de propostas innovadoras para a promoción do uso da lingua propia de Galicia no tempo de ocio das familias, da rapazada e da mocidade, e tamén, sempre, unha aposta firme polos artistas e profesionais que teñen no idioma de noso a base do seu traballo e da súa creatividade”, concluíu.

Participaron canda García Gómez na presentación o alcalde, Gumersindo Galego; e os actores María Torres e Gonçalo Guerreiro, responsables da compañía Elefante Elegante e protagonistas da actividade, que se poderá gozar, con entrada libre e de balde, mañá, sábado 29, ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Fene, e nas vindeiras semanas en Arteixo, Betanzos, Ribadumia, Forcarei ou Verín.

Medio natural, emocións, afectos e humor para dinamizar o idioma

Elefante Elegante achega ao FalaRedes unha peza teatral en galego para o público familiar, infantil e xuvenil baseada no respecto polo medio natural, as emocións, os afectos e o humor. A quinta das propostas do programa de dinamización lingüística é unha peza teatral dirixida a todos os públicos a partir de 3 anos e inspirada no conto "Cada home é unha raza", do escritor mozambicano Mia Couto. Se no orixinal o tema fundamental é a discriminación racial, na adaptación que esta compañía realiza para a RDL a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía con el: trátase dun alegato para unha vida respectuosa do ser humano coa terra que o acolle.

A Cidade Cinza era absolutamente silenciosa. Ninguén falaba, ninguén cantaba, ninguén ría e ninguén choraba. Naquela cidade unha morea de persoas camiñaba da casa para o traballo e da escola para a casa... sen parar. Non había unha soa flor, non habitaba unha soa árbore. Non había lugar para a natureza. Pero todas as mañás pasaba o vendedor de paxariños cargando unha fermosa gaiola de portas abertas con paxariños libres de cores alegres a voar arredor. Collía unha guitarriña e acompañaba o frenético chiar da paxarada e, ao seu arredor, o mundo transformábase nunha fábula. Asubíos chegará este outono a 20 concellos da RDL.

A casa do terror pecha xira na Estrada, Moaña e Burela

A axenda do FalaRedes ofrece tamén esta semana os concertos en directo da proposta A casa do terror na Estrada (hoxe, venres, na alameda municipal ás 19:00 horas (no Teatro Principal, en caso de choiva); e mañá, sábado 29, en Moaña (no auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao, ás 11:30 horas) e en Burela (no auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30 horas). Con eles, o coñecido artista fonsagradino Xoán Curiel e a Banda Son+d2 pechan a xira que os levou, desde xullo, por 15 concellos da RDL.

A proposta, terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro, está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. ‘A casa do terror’, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado. Coma sempre no FalaRedes, a entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información sobre as actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Departamento: Tema: Cultura, Lingua