Arteixo, Betanzos e Ribadumia acollen esta fin de semana ‘Asubíos’, a nova proposta do ‘FalaRedes’

Volver
  • FalaRedes

A peza teatral, inspirada no universo literario do escritor mozambicano Mia Couto e no conto ‘O frautista de Hamelin’ recollido polos irmáns Grimm, xira arredor da necesidade de que a sociedade se implique no coidado do medio natural

A actividade está dirixida a todos os públicos a partir dos tres anos e fará parada noutras dezaseis localidades galegas ata o 9 de decembro

Como é habitual neste programa de dinamización, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade das salas
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2018.- Por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Xunta de Galicia volve programar nesta primeira fin de semana de outubro actividades nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Nesta ocasión, o protagonista da programación será a coñecida compañía de teatro do Elefante Elegante, que trae unha nova proposta dirixida ao público familiar desde os 3 anos baixo o título Asubíos. A primeira das citas terá lugar o sábado, 6 de outubro, na vila de Arteixo, ás 12:00 horas no auditorio do Centro Cívico. O domingo 7, a actividade poderase ver por partida dobre, á mañá en Betanzos (no Auditorio Municipal de Cultura, ás 12:00 horas) e á tarde en Ribadumia (no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas).

A nova actividade de dinamización lingüística, a quinta deste ano no FalaRedes, está pensada para públicos a partir dos tres anos e inspirada no universo literario do escritor mozambicano Mia Couto e no conto popular O frautista de Hamelin, recollido polos irmáns Grimm. No espectáculo que a compañía do Elefante Elegante crea para a RDL, a temática xira arredor do medio natural e de como vivir en harmonía con el.

Próximas paradas: Forcarei e Verín

Neste mes de outubro, Asubíos poderase gozar en Forcarei e en Verín. Na primeira das localidades a función terá lugar o domingo 14 de outubro, ás 18:00 horas, no Centro Social. En Verín, a data elixida é o domingo 28 de outubro, ás 18:00 horas, no Auditorio. Ao longo do mes de novembro e ata o 9 de decembro, o FalaRedes levará Asubíos ás localidades de Carballedo, Alfoz (en colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense), Outeiro de Rei, Guitiriz, Oleiros, Compostela, Negreira, Monterroso, Silleda, Cea, Barbadás, Vilamarín, Salvaterra e Castrelo de Miño.

Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa case 1000 as propostas programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a edición 2018 está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Departamento: Tema: Cultura, Lingua