A figura de Domingo Fontán centra a celebración do Día da Ciencia en Galicia

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou, xunto co presidente do Parlamento, na presentación en Vilaxoán do plano da Ría de Arousa elaborado polo matemático e xeógrafo galego

Vilagarcía de Arousa, 8 de outubro de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán, no Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), na presentación da reprodución facsimilar do plano da Ría de Arousa elaborado en 1828 polo matemático e xeógrafo Domingo Fontán, a quen hoxe se lle rende homenaxe con múltiples actos con motivo do Día da Ciencia en Galicia 2018, a el dedicado.

Valentín García lembrou que “este plano da Ría de Arousa que Teófilo Edicións nos brinda coa primorosa calidade editorial a que nos ten afeitos forma parte da Carta xeométrica de Galicia coa que Domingo Fontán nos puxo na vangarda da cartografía europea empregando métodos científicos e modernos para amosarnos, como dixo Otero Pedrayo, o verdadeiro rostro do país”. O secretario xeral explicou que este logro foi posible porque “Fontán deu combinado unha formación ampla e variada; unha vontade de ferro que lle permitiu dedicar 17 anos a un traballo de campo duro e dificultoso; a complicidade dunha xeración de científicos que aspiraba a poñer o seu coñecemento ao dispor da modernización e mellora da sociedade e un profundo amor por Galicia”.

No acto de presentación do plano da Ría de Arousa tomaron parte tamén Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa, e José Luis Teófilo Piñeiro, director de Teófilo Edicións.

Día da Ciencia en Galicia

A presentación do plano da Ría de Arousa foi o derradeiro dos actos en que interveu hoxe o secretarío xeral de Política Lingüística con motivo do Día da Ciencia en Galicia, unha xornada que encheu a comunidade de homenaxes a Fontán.

Pola mañá, Valentín García desprazouse ata o CPI de Portas que leva o nome do científico e matemático nacido nesta localidade para participar na entrega ao profesorado e alumnado do centro da unidade didáctica “Domingo Fontán e a Carta geométrica de Galicia”, que elaborou o Consello da Cultura Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pola tarde, o secretario xeral asistiu ao acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) no Pazo de San Roque. Este acto incluíu a conferencia “A obra científica de Domingo Fontán” a cargo do catedrático da Universidade de Santiago Francisco Díaz-Fierros, así como a entrega do Premio Galicia de Periodismo Científico organizado pola RAGC en colaboración coa Consellería de Economía ao xornalista da Radio Galega Manuel Vicente.

Domingo Fontán

A RAGC dedícalle este 2018 o Día da Ciencia en Galicia ao matemático, xeógrafo e político Domingo Fontán (Porta do Conde, Portas, 1788 – Cuntis, 1866), coñecido fundamentalmente por ser o autor dun traballo sen precedentes en España, un fito na historia da cartografía peninsular que se converteu en símbolo para Galicia: a súa célebre Carta xeométrica. Trátase do primeiro mapa científico e moderno realizado na península Ibérica, por elaborarse mediante traballo de campo e medicións xeodésicas. O mapa de Fontán sería a base cartográfica para proxectos de ferrocarril e de estradas e fonte para a elaboración doutros mapas.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua