O Ramón Piñeiro edita a Guía dos elementos químicos

Volver

Trátase dunha nova publicación divulgativa, continuadora da obra 'O nome e o símbolo dos elementos químicos', coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica

O secretario xeral de Política Lingüística e o coordinador científico do centro presentárona hoxe en rolda de prensa, acompañados dos seus autores
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), por medio do Proxecto Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega (Termigal) editou a nova Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, unha publicación divulgativa continuadora da obra O nome e o símbolo dos elementos químicos (2006), coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou na rolda de prensa de presentación “que se trata dunha importante achega ao eido científico-técnico, coa que quere avanzar un paso máis no proceso de galeguización deste ámbito de especialidade, así como apoiar ao profesorado, ao persoal investigador, ao alumnado e a cidadanía en xeral para desenvolver sempre a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde o galego”.

García Gómez destacou da nova publicación “que incorpora as novas denominacións aprobadas recentemente para os últimos elementos descubertos, o que contribuirá a estandarizar a súa denominación en galego” e que “o Ramón Piñeiro se suma a través dela ás iniciativas de conmemoración da creación da táboa periódica por Dmitri Mendeleev, que no ano 2019 celebrará o seu 150º aniversario, feito polo que a ONU acordou proclamar ese ano como o ano internacional da táboa periódica”. Acompañárono na presentación o coordinador científico do CRPIH e director de Termigal, Manuel González; e os autores, Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana María González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro.

Unha guía coas novas denominacións

A Guía dos elementos químicos é unha publicación divulgativa coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica. Continuadora da obra O nome e o símbolo dos elementos químicos (2006), esta guía ofrece datos de interese para cada un dos elementos coñecidos desde unha perspectiva lúdica e didáctica, a fin de sorprender tanto aos lectores vinculados profesionalmente á química como a aqueles alleos a esta materia.

A obra componse de 118 capítulos, un por cada elemento químico coñecido -desde o hidróxeno, co número atómico 1, ata o oganesson, co número 118-, cunha sección final dedicada os intentos levados a cabo para a sintetización do elemento 119. En cada capítulo inclúese información xeral do elemento (masa atómica, estado en condicións estándar, densidade e puntos de fusión e de ebulición), seguidos da historia do seu descubrimento, os nomes elixidos para a súa designación, a súa concentración na codia terrestre, os métodos empregados para a súa obtención, as súas propiedades e aplicacións e finalmente a súa importancia biolóxica. Cada un dos elementos acompáñase ademais de diversas imaxes relacionadas co texto, o que confire ao volume un maior atractivo para os lectores.

Este libro incorpora as denominacións aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) para os últimos elementos descubertos (nihonio, moscovio, ténnesso e oganesson), o que sen dúbida contribuirá a estandarizar a súa denominación no galego.

O Ramón Piñeiro, 25 anos na vangarda da investigación

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Para conmemorar os seus 25 anos de actividade, ao longo de 2018 está a desenvolver un programa de actos conmemorativos cos que darlle a coñecer ao público a historia do centro, a transcendencia da investigación levada a cabo nel e o recoñecemento da súa centralidade dentro da pescuda en humanidades posta de manifesto nos legados de investigadores importantes, dos que o CRPIH é depositario.


No marco das actividades programadas, está prevista para o 14 de novembro a xornada O Ramón Piñeiro e a investigación lingüística (8 horas) e a conferencia de clausura dos actos do 25º aniversario a cargo de Guillermo Rojo (colaborador do centro e tesoureiro da RAE) o vindeiro 19 de novembro. Neles está aberta a inscrición a través das páxinas www.lingua.gal e en www.cirp.gal.
 

Departamento: Tema: Lingua