A Xunta participa en Vila de Cruces na celebración do Día de Xosé Neira Vilas

Volver

No marco dos actos programados para conmemorar o 90º aniversario do crucense máis universal, o xornalista Pedro Rielo recolleu o III Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta pola obra 'Detrás dos perdidos'

O espectáculo de baile e música tradicional ‘Balbino’ púxolle o ramo á conmemoración da man de Cantigas e Agarimos, que pechou con el o programa Danza 3 da Agadic

A celebración contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística
 

Vila de Cruces (Pontevedra), 3 de novembro de 2018.- A Fundación Neira Vilas, o Concello de Vila de Cruces e a Xunta de Galicia celebraron hoxe ao serán o Día de Xosé Neira Vilas no concello pontevedrés, con motivo do 90º aniversario do nacemento do crucense máis universal en Gres. Unha cita que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A conmemoración incluíu a entrega do III Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos ou adolescentes, que este ano recaeu no escritor Pedro Rielo Lamela pola obra Detrás dos perdidos, e a representación do espectáculo de baile e música tradicional Balbino, co que a formación compostelá Cantigas e Agarimos pechou o programa Danza 3 da Agadic.

Valentín García felicitou a Fundación Xosé Neira Vilas polo labor que desenvolve e que “permite manter vivo, non só o recordo dun dos máis grandes escritores das letras galegas, senón tamén o seu espírito, esa preocupación que sempre impulsou a Pepe Neira a achegarse aos máis novos e inculcarlles o amor pola nosa lingua e por Galicia”. O secretario xeral non dubidou en poñer en relación o legado do autor das Memorias dun neno labrego coa obra premiada nesta terceira edición do premio de novela que leva o seu nome, “unha narración que lles achega aos máis novos a cultura tradicional galega, un herdo que nos caracteriza como pobo”. “Coincide ademais”, sinalou García, “que ambos os autores, Pepe Neira e Pedro Rielo, comparten a dedicación ao xornalismo, que creo que é algo que dalgún xeito marca a maneira de observar a realidade e de trasladala á literatura”.

No acto de entrega do premio interviñeron tamén Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces; Luís Reimóndez e Rosalía Morlán, presidente e secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, respectivamente; Juan Andrés Fernández Castro, membro do xurado; e Pedro Rielo, gañador do certame.

Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo

O pasado 30 de outubro o xurado da terceira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta declarou gañadora, por unanimidade, a obra Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo Lamela. Na elección influíu a viveza dos seus diálogos, o logrado da ambientación dos escenarios e a caracterización dos personaxes, que converten a narración nun texto de agradable lectura que combina a intriga coas evocacións paisaxísticas e as reflexións transcendentes.

O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dotado con 1.000 euros e coa publicación da obra gañadora.

Pedro Rielo Lamela (Pontevedra, 1972) é escritor e xornalista. Como poeta publicou Illado na incerteza (2002) e As palabras furtivas (2006). Como ensaísta, é autor da monografía Ovidio Murguía (2004). Na súa faceta de xornalista, actualmente traballa nos informativos da TVG.
 

Departamento: Tema: Lingua