O Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira reúne en Santiago especialistas galegos e portugueses

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura do Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura do Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura do Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira

O secretario xeral de Política Lingüística participou na apertura deste encontro organizado polo Consello da Cultura Galega, onde se referiu á lingua como patrimonio que une, máis ca calquera outro, os pobos do norte e do sur do Miño

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Universidade do Minho (Portugal) e da Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa (CPLP).

Na súa intervención, Valentín García referiuse á lingua galega como “un patrimonio inmaterial que nos une, máis ca calquera outro patrimonio, a Portugal e, con el, a todos os países que integran a CPLP, dos que nos sentimos próximos a pesar de que nos separan milleiros de quilómetros de distancia”.

Na sesión de apertura tamén participaron Georgina Benrós de Mello, directora executiva da CPLP; Rosario Álvarez Blanco e Rebeca Blanco-Rotea, presidenta do CCG e coordinadora da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, respectivamente; e Luís Fonte, director da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.

Ao longo do día de hoxe e do de mañá, expertos galegos e portugueses reuniranse no compostelán Pazo de Raxoi, sede do CCG, para debater acerca dos conceptos de fronteira e de patrimonio e como estes, nos espazos raianos, chegan a constituír lugares de intercambio, de creación de identidade e de novas realidades patrimoniais. Tamén reflexionarán sobre os modelos de xestión axeitados a este tipo de patrimonio fronteirizo. O congreso artículase arredor de tres mesas de debate, ás que seguirán cadanseu coloquio de síntese e afondamento nas intervencións precedentes.

Na primeira, Fronteiras que unen, intervirán Miguel Areosa Rodrigues, da Direcção Regional de Cultura do Norte de Portugal; Iago Lestegás Tizón, do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Margarida de Magalhães Ramalho, investigadora do Instituto de História Contemporânea (Lisboa) e Memorial Vilar Formoso Fronteira da Paz, e Iago Seara, da Escola de Arquitectura da Coruña.

Na segunda, Fronteiras que separan, o congreso contará coas achegas de Rebeca Blanco-Rotea, do CCG e da USC; Luís Moreira, da Universidade do Minho, e Luís Fonte, director da Unidade de Arqueologia da mesma universidade. Na terceira mesa, Construíndo fronteiras, deconstruíndo realidades, falarán Fernando Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, e Felipe Criado-Boado, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos.
 

Departamento: Tema: Lingua