'Sumando espazos, espallando lingua' congrega hoxe en Santiago máis dun cento de docentes dos EDLG

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa inaugurárona hoxe no Pazo de San Roque

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2019.- Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Manuel Corredoira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, inauguraron esta mañá no Pazo de San Roque a xornada formativa para profesorado pertencente a equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) Sumando espazos, espallando lingua. Trátase dunha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (CAFI).

Valentín García considerou que “a variedade de perspectivas e de ámbitos de acción das experiencias de traballo que se van presentar hoxe aquí é unha mostra significativa da enorme dose de iniciativa e de creatividade que atesoura o profesorado que, desde os equipos, promove a lingua galega dentro e fóra das aulas, e moitas veces alén dos propios colexios e institutos”. O secretario xeral gabou e agradeceu o traballo e mais o compromiso destes docentes “a quen o departamento que dirixo apoia sen fisuras, consciente de que traballan cun sector da poboación fundamental para garantir o futuro do galego”.

Pola súa banda, Manuel Corredoira agradeceu tamén o traballo que realizan os equipos de dinamización da lingua galega que, xunto coa estrutura do sistema educativa no referido a plurilingüismo, garanten que todos os alumnos e alumnas acadan iguais competencias en galego e castelán na escola. Neste sentido salientou que Galicia conta cun modelo de ensino no que as linguas cooficiais conviven en harmonía, co mesmo espazo no horario lectivo, que é exemplo para todas as Comunidades con lingua propia.

Sumando espazos, espallando lingua

Máis de 100 docentes pertencentes a EDLG estarán reunidos no pazo de San Roque ao longo de todo o día na xornada formativa ‘Sumando espazos, espallando lingua’. Con esta actividade, Política Lingüística e o CAFI queren dar a coñecer iniciativas innovadoras que poden servir como referente para o resto do profesorado no seu labor de promover o galego nos colexios e nos institutos. En concreto, os asistentes coñecerán os proxectos A oralidade nos camiños do vento, do IES Maximino Romero de Lema; A dinamización do galego a través dos proxectos eTwinning, do IES San Clemente; Cholo e nela, do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas; Construíndo a comunicación na infancia desde un laboratorio audiovisual, do CEIP do Carballal; A lingua e a gamificación, do IES Plurilingüe A Cachada; Está ben ser diferentes, do CEIP de Cervo; Applícate o conto e Misterio no cole de Cea, do CPI Virxe da Saleta e do CIFP A Carballeira; CuntiStar, normalización e dinamización máis alá das aulas, do CPI Aurelio Marcelino Rey García; Os medios de comunicación e a promoción da lingua: Informadeiro e roteiros virtuais, do CEIP de Viñagrande-Deiro; A lingua delas, a nosa lingua, do IES Aquis Celenis, e aRi[t]mar, da EOI compostelá.

A estas experiencias súmase Toponimízate, unha iniciativa que a Consellería de Cultura e Turismo desenvolveu directamente tanto en concellos coma en centros educativos da Rede de Dinamización Lingüística en colaboración coa Real Academia Galega
 

Departamento: Tema: Lingua