O Concurso Balbino de Relatos chega á súa IV edición

Volver

O galardón, dotado con 1500 euros e a publicación da obra gañadora por Edición Fervenza, abre o prazo de participación ata o 29 de xuño

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe ao mediodía na presentación
 

Vila de Cruces (Pontevedra), 5 de febreiro de 2019.- O Concurso Balbino de Relatos chega á súa cuarta edición impulsado por Técnicas & Gramaxe co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Xosé Neira Vilas, dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e mais da Deputación de Pontevedra. Ten como obxectivo promover a literatura escrita en lingua galega arredor da temática do rural e da emigración, así como apoiar tanto escritoras e escritores noveis como xa consagrados.

“Compráceme, por cuarto ano, convocar este galardón na memoria do sempre querido e admirado Xosé Neira Vilas e, tamén, facelo seguindo o exemplo que nos inculcou de apostar por iniciativas culturais plurais e diversas nas que nos atopamos entidades de diferente natureza, desde a empresa privada ás administracións autonómica, local e provincial, cun obxectivo único que é o impulso á nosa lingua e cultura propias”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación celebrada en Gres.

Participaron canda el Beatriz Iglesias, en representación da Fundación Xosé Neira Vilas; Jesús Otero e Manuel Fernández, alcaldes de Boqueixón e Vila de Cruces, respectivamente; e mais o responsable de Técnicas & Gramaxe/Edicións Fervenza, Manuel Núñez.

As autoras e autores que así o desexen, poderán presentar a este 4º Concurso Balbino de Relatos os seus textos orixinais, propios e inéditos (relatos ou serie de relatos) inspirados nas mencionadas temáticas ata o vindeiro 29 de xuño para concorreren a un premio único de 1500 euros e á publicación da obra por Edicións Fervenza.

Ao longo das tres edicións anteriores, fixéronse co premio Xián Lois Alcayde Dans, pola obra Camiños na sombra; Ricardo Cid, pola obra De que falarán as árbores; e Ricardo Ferreiro, pola obra Máis alá do río do esquecemento.
 

Departamento: Tema: Lingua