Galicia celebra o legado do protagonista das Letras 2019, Antonio Fraguas Fraguas, cunha ampla programación conxunta

Volver
  • Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas do 2019
  • Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas do 2019
  • Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas do 2019

Román Rodríguez, na presentación da programación das Letras Galegas do 2019

A Xunta, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo, a canda múltiples entidades, empresas e administracións locais, deseñan un ambicioso conxunto de iniciativas para dar a coñecer a figura deste eminente profesor e investigador cotobadés

Un dos eventos máis salientables é a exposición central itinerante das Letras, ‘Antonio Fraguas, Memoria dun soño’, que divulgará a figura do protagonista das Letras Galegas por doce concellos de toda Galicia

Román Rodríguez cualificou ao homenaxeado como un dos grandes intelectuais galeguistas, ‘que nos marcaron o camiño durante o século XX’, lembrou a súa monumental obra e subliñou o seu carácter afable e conciliador, clave para pilotar a transición cultural de Galicia, ‘deixando un exemplo que cómpre imitar’

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018.- Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.

Román Rodríguez –no nome das consellerías Cultura e de Educación, da Secretaría Xeral de Emigración e da EGAP–, subliñou que a celebración deste ano supón seguir pagando as débedas do recoñecemento aos grandes intelectuais galeguistas “que nos marcaron o camiño durante o século XX”. O conselleiro destacou o seu papel a fronte de distintas institucións culturais do país e lembrou que Fraguas foi “sempre e en toda hora exemplo de xenerosidade e home de reconciliación”, que escribiu sobre Galicia dun xeito práctico, “pensando na construción de Galicia”. O titular de Cultura concluíu resaltando o carácter afable e conciliador do persoeiro, “clave –ao seu ver– para pilotar a transición cultural de Galicia” e que deixa “un exemplo que cómpre imitar”.

Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Fundación Antonio Fraguas e presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beremendi González; o alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a concelleira responsable de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novo Rei; e o director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea.

Iniciativas de participación social e fomento da igualdade

Froito dun traballo transversal e colaborativo entre as institucións e a familia do autor, a programación prevista como homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e en toda a Rede de Bibliotecas Públicas.

Neste eido cómpre destacar a VI Carreira Camiño das Letras; as campañas institucionais impulsadas desde o ámbito empresarial en colaboración con Feiraco, Vegalsa-Eroski ou Renfe; os vinte certames, obradoiros e contacontos organizados polas bibliotecas públicas, concellos a EGAP ou a Cidade da Cultura. Ou outras iniciativas de participación social e lecer como Canta miña pedra, canta, unha proposta destinada ao público familiar da que de poderá gozar en concellos da Rede de Dinamización Lingüística a través de catorce espectáculos de música e narración, da man dos artistas Xoán Curiel e Charo Pita. Xornadas de portas abertas, roteiros e funcións teatrais, entre outras, completan esta parte da programación na que participan o Concello da Estrada, o de Cerdedo-Cotobade, o Mupega, a Cidade da Cultura, a Agadic ou a Egap.

Exposición central conmemorativa e outras

No ámbito expositivo está prevista unha exposición central conmemorativa itinerante Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que percorrerá 12 concellos das catro provincias para darlle a coñecer ao público xeral a obra e a figura de Fraguas. Esta mostra, que se iniciará en abril na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, viaxará até decembro a Amoeiro, Arteixo, A Coruña, Celanova, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Así mesmo, neste momento xa están previstas outras 16 exposicións bibliográficas, artísticas, antropolóxicas e etnográficas no Museo do Pobo Galego, nas bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, na Biblioteca de Galicia e na EGAP.

Propostas no exterior

A Rede de Centros de Estudos Galegos dedica todo o ano a difundir as letras galegas en universidades de Europa, América e Asia. En concreto, seis universidades españolas, dúas portuguesas e unha alemá acollerán relatorios arredor da vida de Antonio Fraguas. Cinco centros de estudos galegos optan por exposicións biobibliográficas en diferentes formatos. Ademais, hai programados encontros literarios e recitais poéticos nos tres centros de estudos galegos de Italia, en Lisboa e no Algarve, no Río de Xaneiro e en Barcelona. Concertos, congresos, obradoiros e mesmo programas de radio completan esta parte da programación.

Finalmente, a colectividade galega na emigración ten pechado até o momento un amplo conxunto de actividades que se celebrarán ao longo de todo o ano para conmemorar a figura de Fraguas. Inclúense conferencias, feiras, concursos, exposicións, proxeccións audiovisuais, recitais e concertos. Confirmaron a súa programación até o momento o C.C. y R. Alma Gallega de Montevideo (Uruguai), o Centro Galego de Ceuta, o Centro Galego de Fuenlabrada, o Centro Galego de Tenerife, o Centro Galego de Valencia, a Sociedade do Recreio dos Anciãos de Rio de Janeiro. Os distintos programas de actividades dos Centros teñen a colaboración da Secretaría Xeral de Emigración.

Home das institucións culturais do país

Antonio Fraguas (Loureiro, Cerdedo-Cotobade, 1905–Santiago de Compostela, 1999) foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia. Estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, destacou sobre todo no eido da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa identidade. A RAG destaca entre as razóns para dedicarlle a don Antonio o 17 de maio a súa continuada defensa da lingua propia de Galicia como idioma de expresión válido para abordar calquera área do coñecemento e a coherencia do seu percorrido vital, guiado pola lealdade ao seu pobo.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua