O 20 de marzo entréganse os Premios San Clemente 'O Camiño das Letras'

Volver
  • Presentación do Premio San Clemente 'O Camiño das Letras'

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa dos actos

Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang recollerán os galardóns concedidos por primeira vez por máis dos 1000 lectores e lectoras galegos e europeos participantes nesta XXIV edición

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019.- O XXIV Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente Rosalía-Abanca O Camiño das Letras, impulsado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e co patrocinio de Abanca fará entrega dos seus galardóns a Marcos Calveiro (lingua galega), Pedro Mairal (lingua castelá) e Han Kang (lingua estranxeira) o vindeiro mércores 20 de marzo, nun acto que se celebrará no auditorio compostelán Abanca.

Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa os representantes da entidade promotora do recoñecemento, acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polos directores dos institutos de ensino secundario da capital de Galicia. “Os galardóns implicaron nesta edición, por primeira vez, máis de 1000 alumnos e alumnas, tanto galegos coma doutros centros de ensino estranxeiros que colaboran nel, o que dá conta da importante proxección que este recoñecemento lle ofrece á literatura escrita na lingua propia de Galicia, da man da colaboración interinstitucional e da implicación da comunidade educativa compostelá”, sinalou o responsable de Política Lingüística, quen quixo destacar tamén “a importante contribución ao sistema literario galego promovida desde unha iniciativa escolar” e felicitar, tanto á asociación organizadora coma aos representantes dos institutos participantes, desexándolle “mil primaveras e moitas máis a todas estas iniciativas”.

Programa da entrega da XXIV edición

O XXIV Premio San Clemente Rosalía-Abanca O Camiño das Letras, convocado pola Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o patrocinio de Abanca, entregará os seus galardóns o vindeiro mércores 20 de marzo, nun acto que se celebrará ás 19,00 horas no auditorio compostelán Abanca. Recolleranos, na modalidade de novela en galego, Marcos Calveiro pola obra O xardineiro dos ingleses, coa que xa obtivera tamén o Premio García Barros do Concello da Estrada; nas outras dúas, novela en castelán e en lingua estranxeira, farano Pedro Mairal, con La uruguaya, e Han Kang, con A vexetariana, respectivamente.

Ese mesmo día, o programa de actos inclúe varias citas no IES Plurilingüe Rosalía de Castro, que se abrirán cun coloquio-debate co escritor galego, ás 10,00 horas, ao que seguirá unha rolda de prensa na que participarán os tres galardoados, ás 11,30 horas. Pechará a xornada de mañá un coloquio-debate con Pedro Mairal, ás 12,15 horas. O coloquio-debate coa escritora Han Kang está previsto para o xoves 21, ás 12,15 horas, no mesmo IES.

De iniciativa escolar a galardón literario de referencia internacional

Os Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron por iniciativa do IES Plurilingüe Rosalía de Castro baixo tres modalidades – linguas galega, castelá e estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES e doutros cinco institutos galegos escollidos cada edición por sorteo (na presente, os IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Antonio Fraguas Fraguas de Santiago, Xosé Neira Vilas de Oleiros, Sánchez Cantón de Pontevedra, Xoán Montes de Lugo e Ramón Otero Pedrayo de Ourense).

Ao longo das sucesivas edicións, a participación fíxose extensiva desde o ano pasado á totalidade dos IES da capital galega que ofrecen estudos de bacharelato, e a ela súmase tamén a de diferentes centros estranxeiros (Hockerill Anglo European College de Londres, Inglaterra; Lycée Saint François Xavier de Vannes, Francia; Grimmelshausen Gymnasyum de Gelnhausen, Alemaña; Escola Secundaria de Santa Comba Dão, Portugal; e Colexio nº 1558 Rosalía de Castro de Moscú, Rusia).

Para alén do que a iniciativa supón no referido ao estímulo do hábito lector entre o estudantado, o seu éxito ofrécelle tamén ao alumnado a oportunidade de compartir unha xornada cos/as galardoados/as que, cada ano, se dan cita en Santiago de Compostela para recoller este recoñecemento. Ao longo das súas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente acollida e implicou autores Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José Saramago.

Departamento: Tema: Lingua