Valentín García destaca o papel do deporte na promoción do galego

Volver
  • Valentín García destaca o papel do deporte na promoción do galego
  • Valentín García destaca o papel do deporte na promoción do galego

O secretario xeral de Política Lingüística interveu esta mañá na Cidade da Cultura na I Xornada de Interpretación da Cultura e o Turismo nas Actividades Físicas e Deportivas organizada polo IES Terra de Turonio en colaboración coa Consellería de Medio Rural

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado de Javier Blanco, subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, abriu esta mañá a I Xornada de Interpretación da Cultura e o Turismo nas Actividades Físicas e Deportivas organizada polo IES Terra de Turonio co apoio da Consellería do Medio Rural. A xornada, que se iniciou ás 9 da mañá, continuará ata as14:15 horas no Auditorio 2 do CINC da Cidade da Cultura de Galicia.

Tras a inauguración, o secretario xeral de Política Lingüística abriu os relatorios cunha intervención centrada en “Lingua, cultura e patrimonio”. Valentín García comezou explicando que “a lingua galega é para nós moitas cousas á vez: un medio de comunicación, unha ferramenta útil para desenvolvernos na sociedade, un elemento identitario e, desde logo, unha parte fundamental do noso patrimonio e da nosa cultura”. Por este motivo, considerou que “as actividades que combinan ocio, deporte e cultura, cada vez máis frecuentes e con grande aceptación entre a xente máis nova, deben ter en conta a promoción da lingua galega, porque poden incidir de maneira moi positiva nela”. Así, concluíu Valentín García, “o galego é unha ferramenta imprescindible para ofrecer un produto de ocio interesante e diferenciado e, ao tempo, a actividade deportiva, con todos os valores positivos aos que se asocia (mocidade, benestar, compañeirismo, diversión...), beneficia o galego cando esta lingua é incorporada á súa práctica”.

A continuación de Valentín García interviñeron na xornada Manuel Ruzo, licenciado en Turismo, co relatorio “Servizos turísticos, guiado e Camiño de Santiago”; Antonio Brandão, profesor do Instituto Politécnico de Viana do Castelo e da Escola Superior de Desporto e Lezer, quen falou de “Deportes de natureza e formación”, e Alejandro López, avogado especialista en dereito deportivo, quen se ocupou de “Formación, lexislación e normativa”.

A I Xornada de Interpretación da Cultura e o Turismo nas Actividades Físicas e Deportivas congrega hoxe en Santiago de Compostela a máis de 100 alumnos e alumnas do ciclo medio de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural, futuros profesionais do deporte ao aire libre. O encontro formativo trata de dar resposta á necesidade que os técnicos teñen de conxugar a cultura e o turismo coa actividade deportiva co fin de que o usuario valore a práctica do deporte nun contorno como o que ofrece o lugar galego.

Departamento: Tema: Lingua, Deporte