Os premios de Lingua de namorar recoñecen a creatividade en galego da mocidade

Volver

O xurado deste certame de mensaxes breves de amor elixiu hoxe os textos gañadores entre os 50 máis votados en cada unha das categorías establecidas nas bases

Política Lingüística e Xuventude entregarán os premios o día 28 de marzo en Padrón

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019.- As consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, acaban de facer públicos os nomes dos gañadores da sétima edición do certame de mensaxes de amor en galego Lingua de namorar. O xurado, que desta volta presidiu a escritora Ánxela Gracián, concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as 50 máis votadas no concurso en cada categoría, así como unha mención de honra. Para facer esta selección tivéronse en conta o grao de elaboración, a orixinalidade e a calidade lingüística das declaracións de amor presentadas a concurso.

Preto de 600 mozos e mozas participaron na sétima edición de Lingua de namorar, ben como concursantes, ben como lectores e votantes das mensaxes. Na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, fíxose co premio por segundo ano consecutivo Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa mensaxe Máis que choiva. O segundo e o terceiro premio recaeron, respectivamente, en Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por Conto contigo, e en Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por Tan guapa.

Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, impúxose Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con Este para min. O segundo premio foi para Darío Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por Amor diglósico, e o terceiro recaeu en Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por A discusión: corazón vs. cabeza. Nesta categoría o xurado outorgoulle tamén unha mención de honra a María Inmaculada Rodríguez Marqués (Santiago de Compostela, A Coruña), por Escoiteite.

Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega. Os galardóns serán entregados nun acto público que se celebrará o vindeiro 28 de marzo no concello de Padrón (A Coruña).

Promoción da lingua entre a mocidade

O obxectivo de Lingua de namorar —igual que as diversas iniciativas conxuntas da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado— é fomentar a creatividade en galego e o uso desta lingua entre a mocidade, neste caso no ámbito do uso social e para as relacións persoais das tecnoloxías da información e da comunicación.

Departamento: Tema: Lingua, Cultura, Xuventude