Díaz Pardo dálle nome desde hoxe a unha aula da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou no nomeamento que recoñece a figura deste empresario comprometido coa cultura e coa lingua de Galicia

No marco da homenaxe celebrouse a mesa redonda ‘Compromiso coa lingua na empresa galega’

Vigo, 4 de abril de 2019.- Co fin de propoñerlle como referencia ao alumnado as figuras de empresarios comprometidos coa realidade e a lingua propia de Galicia, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo deu hoxe un paso máis no proxecto iniciado hai dous anos de galeguizar o seu aulario. Fíxoo dándolle o nome do escritor, artista e empresario Isaac Díaz Pardo a unha das súas clases e descubrindo unha placa conmemorativa en memoria do galeguista fundador de Edicións do Castro, de Cerámicas do Castro e director e administrador do Grupo Sargadelos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto, onde lembrou que o último Día da Galeguidade Empresarial organizado polo Foro Enrique Peinador lle foi dedicado a Díaz Pardo “porque soubo facer da súa sensibilidade e aprecio pola lingua e a arte galegas unha fonte de éxito no ámbito dos negocios, probablemente porque ao amor ao idioma e á cultura herdadas dos seus avós soubo unir unha intelixente capacidade para a innovación”. O secretario xeral dirixiuse directamente ao alumnado da escola e futuro empresariado para lembrarlle que “tamén hoxe a unión da orixinalidade e da innovación coa autenticidade e a calidade que se lle presumen á tradición é unha aposta segura para o éxito dun produto e unha maneira para conseguir esta combinación é empregar a lingua galega na etiquetaxe, na publicidade e na relación da empresa co cliente”.

Tras as intervencións e o descubrimento da placa conmemorativa, celebrouse a mesa redonda Compromiso coa lingua na empresa galega, moderada por Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, e na que participaron Camilo Díaz e os empresarios Xosé Montes (presidente de Feiraco) e Xerardo García Alvela (director xeral de Itelsis Group).

Departamento: Tema: Cultura, Lingua