Valentín García asiste á apertura do ciclo cultural ‘Un mes e pico. O Pico Sacro na cultura xacobea’

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta na Coruña participaron esta mañá na sesión de apertura celebrada en Boqueixón

O ciclo, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, ofrece entre hoxe e o 29 de xuño conferencias, visitas teatralizadas, concursos, observacións astronómicas e a lendaria cerimonia do Lume Sagrado

Boqueixón (A Coruña), 12 de maio de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta de Galicia para a provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, participaron, xunto co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, na apertura do ciclo cultural Un mes e pico. O Pico Sacro na cultura xacobea, que se celebrará neste monte outrora sagrado entre hoxe e o vindeiro 29 de xuño. O evento, organizado polo Concello de Boqueixón, conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.

Valentín García quixo lembrar que Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que celebraremos dentro de cinco días, “se referiu en diversas ocasións ao Pico Sacro, ás lendas e tradicións que arredor del se construíron e á súa importancia na tradición xacobea”. O secretario xeral de Política Lingüística incidiu en que é un monte que destaca en toda a contorna e que con razón chamou a atención dos peregrinos que se dirixían a Santiago, pois constitúe, “como dixo Antonio Fraguas, a confirmación do camiño andado cando o peregrino vén polo Camiño Francés”.

Música, historia, arte, astronomía, deporte e teatro

Tras a sesión de apertura, o ciclo continuará o 17 de maio coa Carreira Camiño das Letras, que sairá do Pico Sacro para rematar na Cidade da Cultura de Galicia. Contará tamén coa visita teatralizada A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, que se celebrará o 25 do mesmo mes; coa observación astronómica guiada por Jorge Mira, Unha ollada ao firmamento dende a tumba do dragón, que terá lugar o 28 de xuño, así como con dous certames: o I Concurso de Graffiti Xacobeo Mitolóxico e o I Certame de Novos Talentos de Pintura Rápida. Poden consultarse as bases de ambos no web do Concello de Boqueixón.

Polo que se refire ás conferencias, Un mes e pico contará con tres: Monsagro. Textos e imaxes para unha tradición xacobea, que ditará o día 18 de maio o profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Manuel Monterroso; O Pico Sacro e as vellas montañas sagradas da Europa Atlántica: unha historia por construír e comunicar, do divulgador cultural e tamén profesor da USC, Manuel Gago Mariño, que terá lugar o 8 de xuño, e O condado de Lupa no territorio Montesagro, a cargo da profesora da UNED e arqueóloga municipal de Noia Ana Isabel Filgueiras Rey, e que se celebrará o 29 de xuño.

Os días 16, 22 e 23 de xuño, respectivamente, terán lugar a Cerimonia do Lume Sagrado -recreación do ritual celta de obtención do lume directamente do sol durante o solsticio de verán-, a ofrenda deste lume sagrado a Santiago e a súa entrega na Capela de San Sebastián a cantas persoas o queiran recoller para prender con el as súas fogueiras na noite de San Xoán. O ciclo pecharase cun recital de piano a cargo de Sofía Silva Carbajales.

Departamento: Tema: Lingua