Un cento de estudantes do programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria visitan Galicia

Volver

O alumnado e 10 docentes acompañantes foron recibidos esta tarde por Valentín García no compostelán Museo das Peregrinacións e de Santiago

Máis de 1100 rapaces estudan o galego en Castela e León grazas a un protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta daquela comunidade
 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019 .- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu esta tarde, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, a 122 estudantes e 10 docentes chegados do Bierzo e Sanabria, onde estudan a lingua propia de Galicia no marco dun programa de promoción da lingua galega nestas comarcas que se desenvolve ao abeiro do Protocolo xeral de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Valentín García recoñeceu que o galego “é a lingua dos galegos, pero tamén é a vosa, a dos nenos, mozos, que nacestes no Bierzo e Sanabria”. Por este motivo, o secretario xeral considerou que tiveron “unha boa idea ao apuntarvos a aprendelo e usalo nas aulas” e expresou a súa confianza de que “esta viaxe a Galicia vos sirva de estímulo para falalo tamén fóra delas”.

Xunto con Valentín García, recibiu o alumnado do Bierzo e de Sanabria María Lourdes Batán Aira, subdirectora xeral de Política Lingüística.

Os estudantes procedentes da comunidade de Castela e León que pasan estes días en Galicia visitaron onte a praia das Sinas e mais o Parque Arqueolóxico Rupestre de Campo Lameiro e esta mañá percorreron a Ría de Arousa. Tras a recepción no Museo das Peregrinacións, programouse un percorrido guiado pola capital de Galicia.

Colaboración intergobernamental

Un total de 1112 alumnos de educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e escolas oficias de idiomas de 19 centros educativos do Bierzo e Sanabria adscritos ao Programa de promoción da lingua galega en Castela e León cursan durante o curso escolar 2018-2019 a área de galego, ademais de teren en moitos casos esta lingua como vehicular en diferentes materias. Fano grazas á cooperación iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, posteriormente ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos actualmente vixente.

Ademais de en Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e no Colexio Castelao de Caracas. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.
 

Departamento: Tema: Lingua