Vegalsa-Eroski e Cultura homenaxean a Antonio Fraguas na semana grande das Letras Galegas

Volver

A compañía galega de distribución alimentaria e a Xunta colaboran un ano máis para festexar o 17 de maio cunha tirada especial de bolsas e carteis desde hoxe nos Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski homenaxean a Antonio Fraguas Fraguas na semana grande das Letras Galegas e volven poñer en marcha, por noveno ano consecutivo, a campàña Letras Galegas para festexar o 17 de maio cunha tirada especial de bolsas e carteis que chegarán aos fogares galegos desde hoxe nos Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe ao acto de presentación da iniciativa no compostelán Eroski Center da Choupana.

“Un ano máis, encetamos a semana grande das Letras da man de Vegalsa-Eroski cunha importante homenaxe a Fraguas desde un dos ámbitos máis importantes para a promoción social do idioma: o socioeconómico, desde onde a figura do autor homenaxeado chegará aos fogares dos galegos e das galegas coa bolsa da compra”, destacou Valentín García.

Canda el, participaron no acto a directora de Relacións Institucionais a directora de RSE, Comunicación e Área Cliente de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; o director da liña de Negocio Eroski/Center e hipermercados e gasolineiras Eroski, Florentino Vázquez; o director de Márketing, Julián Hernández; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e o representante da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Lino Lema.

Preto de 1,3 millóns de bolsas

Unha tirada de 500 exemplares da lámina titulada Amor a Galicia, das 10 que integran a mostra Con A de agarimo e F de folclore coa que o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) se fixo este ano, por segunda vez, co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019, e 1.256.000 bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski.

Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta un ano máis coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Departamento: Tema: Lingua