Anxo M. Lorenzo participa en Soutomaior na entrega dos XXV Premios Lois Peña Novo

Volver

Os galardóns, concedidos pola Fundación Lois Peña Novo, contan co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e recoñecen nesta edición o traballo a prol da normalización da lingua galega de Manuel Bermejo, Carlos Salgado e Paz Filgueira

Soutomaior (Pontevedra), 26 de xuño de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe ao serán no castelo de Soutomaior na cerimonia de entrega da XXV edición dos Premios Lois Peña Novo, que concede a Fundación Lois Peña Novo co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e que recoñeceu nesta ocasión o traballo a prol da normalización da lingua galega desenvolto por Manuel Bermejo, Carlos Salgado e Paz Filgueira, nos ámbitos da investigación, da docencia e da xustiza.

Anxo M. Lorenzo salientou na súa intervención “o labor de Manuel Bermejo e Carlos Salgado, docentes e investigadores dos ámbitos da química e da física que combinan o seu traballo co uso da lingua propia de Galicia. Profesionais comprometidos co emprego do galego que contribúen a dinamizar o seu uso e inciden no seu prestixio social”. “Un prestixio -abondou- necesario, como sabemos, á hora de facer que o galego sexa lingua habitual dos xulgados e dos xuízos, algo tan positivo para o idioma como para a xustiza e a equidade que busca a cidadanía cando se ve inmersa nun proceso xudicial, ámbito no que destaca claramente o labor de Paz Filgueira”.

O director xeral felicitou os tres premiados “non tanto polo galardón que hoxe reciben, como por unha traxectoria profesional impecable, coherente e exemplar, que abre e mostra camiños para a lingua propia de Galicia aos compañeiros e compañeiras que os rodean e tamén ás novas xeracións”. “Parabéns porque son dignos herdeiros de Lois Peña Novo, quen rompeu moldes a prol do galego desde o seu posto de secretario dos concellos de Vigo, Sada e Lugo, e a por outros 25 anos máis de premios a bos e xenerosas que han recibir neste castelo de Soutomaior o recoñecemento da sociedade galega, porque cada premio que se entrega, cada traxectoria que se visibiliza, é, sen dúbida, xerme doutro novo”, concluíu.

Fundación Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo, cuxo presidente, Xosé González, tamén participou na cerimonia, foi creada en lembranza de quen foi impulsor do uso do galego nos concellos e administracións públicas galegas, ten entre os seus obxectivos a promoción e a difusión do idioma no marco das administracións públicas, das empresas que manteñan relación directa con elas e da sociedade en xeral. Co fin de apoiar este cometido, a Consellería de Cultura e Turismo -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén colaborando desde hai anos con esta entidade na convocatoria dos Premios Lois Peña Novo, que nas súas 25 edicións lles foron concedidos a entidades e persoas cunha destacada contribución ao labor de fixar e estender o uso da lingua galega.

Departamento: Tema: Lingua