Arrancan en Santiago e na Coruña os cursos de verán de galego para persoas estranxeiras

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos oficiais de apertura
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos oficiais de apertura

Un total de 80 estudantes inician na UDC e na USC as actividades formativas que os achegarán á lingua e á cultura propias de Galicia durante tres semanas

O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos oficiais de apertura

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019.- Esta semana arrancan os XXXII Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o XI Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras na Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, e con eles un total de 80 estudantes (70 no primeiro caso e 10 no segundo) inician as actividades formativas que os achegarán de primeira man á lingua e á cultura propias de Galicia ao longo das vindeiras tres semanas.

O secretario xeral de Política Lingüística participou nos actos oficiais de apertura, onte na Coruña e hoxe en Santiago, nos que lles deu a benvida aos alumnos que se convertirán “en importantes aliados, logo desta vosa estadía en Galicia, en novos embaixadores do noso país no mundo, en novos axentes que reforzaredes e visibilizaredes a proxección internacional do idioma de noso, que será xa cada vez máis voso tamén”.

Os cursos Galego sen fronteiras da Real Academia Galega e da USC e o Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras da UDC chegan, respectivamente, ás súas XXII e XI edicións acollendo estudantado de máis de vinte nacionalidades diferentes, procedentes de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Uruguai, Marrocos, Chile, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.

Todos eles, participarán ao longo das vindeiras semanas, como vén sendo habitual, en aulas teórico-prácticas de lingua e literatura galegas que se combinarán con relatorios e outras actividades enfocadas a lles ofrecer unha visión plural da cultura galega, da man de profesionais dos eidos teatral, poético, científico ou dos medios de comunicación; e terán tamén oportunidade de gozar de excursións, obradoiros ou roteiros centrados na nosa tradición musical e literaria.

Departamento: Tema: Lingua