Valentín García participa no nomeamento de tres novos xuíces honorarios do Couto Mixto

Volver

As incorporacións son as da etnóloga e fotógrafa Mercedes Vázquez, o profesor e poeta Suso Díaz e o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Batista

O acto, organizado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, celebrouse este mediodía na igrexa de Santiago de Rubiás

Os Blancos (Ourense), 6 de xullo de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía no nomeamento dunha nova xuíza e dous novos xuíces honorarios do Couto Mixto, nunha cerimonia que se celebrou na igrexa de Santiago de Rubiás e na que García, que tamén é xuíz honorario desde 2017, logo de lles dar os parabéns e a benvida, recordou que “o Couto Mixto é un dos símbolos de unión de galegos e portugueses, de dous pobos irmáns, na historia, na lingua e na cultura”.

As novas incoporacións son as da etnóloga e fotógrafa Mercedes Vázquez, a do profesor universitario e poeta Suso Díaz e a do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Batista Calçada Pombal. A seguir do acto de ingreso, representouse unha escenificación teatral da historia do Couto Mixto a cargo de Platea tras a que o público asistente tivo ocasión de gozar dun concerto de María do Ceo.

Couto Mixto

O Couto Mixto foi unha entidade política, comparable a un microestado independente, situado no val do río Salas e constituído polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Calvos e Randín e de Baltar. En tempo das monarquías feudais, o Couto Mixto elixía por sufraxio directo dos representantes das casas o seu rexedor (xuíz) polo tempo de tres anos. Outros privilexios desta entidade singular eran o poder elixir a nacionalidade española ou portuguesa, dar asilo aos fuxidos da xustiza de España e de Portugal, non dar soldados nin pagar impostos a ningún destes reinos ou ter liberdade de comercio e de cultivos.

Coa firma do Tratado de Lisboa (1868) os dominios do Couto Mixto quedaron baixo a soberanía de España. En contrapartida, pasaron á soberanía portuguesa as poboacións de Soutelinho, Lamadarcos e Cambedo, cuxos presidentes foron nomeados hoxe xuíces honorarios pola Asociación de Amigos do Couto Mixto.

Departamento: Tema: Lingua