'Somos unha gran familia’ chega na ponte festiva a Mos, Ramirás, Barreiros, Nogueira de Ramuín e Oímbra

Volver

Os irmáns animados máis famosos de Galicia despídense do 'FalaRedes 2019' cunha proposta dirixida a nenos de 3 a 9 anos na que combinan a palabra co teatro e o xogo

A entrada ás funcións deste programa, como é habitual, é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019.- O FalaRedes, o programa de dinamización que a Xunta de Galicia impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chega durante esta ponte festiva a cinco concellos galegos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Os protagonistas nestas citas serán Os Bolechas que pechan nestas localidades a xira coa actividade Somos unha gran familia. As dúas primeiras funcións terán lugar este xoves 25 de xullo, Día de Galicia, en Ramirás (no Centro Cultural do Picouto, ás 12,30 horas) e en Mos (no auditorio do Pazo do Miño, ás 19,30 horas). O sábado 27 Os Bolechas estarán en Barreiros (no Centro Díaz Sampedro, ás 12,00). Finalmente, este domingo 28 a actividade poderá verse en Nogueira de Ramuín (no Grupo Escolar, ás 12,00 horas) e en Oímbra (no Pavillón Municipal, ás 20,30 horas).

Somos unha gran familia é unha actividade participativa protagonizada polos Bolechas e que vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos e ás súas familias. A través do teatro e do xogo, os rapaces coñecerán o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia. A proposta ten un compoñente didáctico no que se bota man do tema principal, a familia, para desenvolver diversas cuestións, unhas máis teóricas, como coñecer os parentescos, e outras máis prácticas, relacionadas con xogos populares e de habilidade. De xeito transversal, como é habitual, tocaranse temas como o traballo en equipo, a colaboración, fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.

Conclúe unha xira por 16 concellos galegos

Coas funcións desta semana, os irmáns Bolechas, referentes galegofalantes para os nenos de Galicia, pechan unha actividade do programa de dinamización lingüística FalaRedes que comezou o pasado 14 de xuño e que percorreu 16 concellos galegos (Barro, Lalín, A Bola, Boborás, O Pereiro de Aguiar, Pazos de Borbén, Cerceda, A Laracha, Muros, Boqueixón, Tui, Mondariz-Balneario, Triacastela, Rois, Boiro e Pontecesures). Como é habitual no programa que impulsa a Consellería de Cultura e Turismo, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos elixidos.

Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Departamento: Tema: Lingua