Volver

Lingua de namorar 2016

Resolta a nova edición do concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega Lingua de namorar. Dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos e xurdido da iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o seu obxectivo é animar ao uso da lingua galega entre a xente nova para as súas relacións interpersoais, tamén cando se desenvolven a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

 

Menaxes premiadas na categoría A

Tras a deliberación do xurado, resultaron gañadoras da categoría A, de entre as 59 mensaxes que recibiron dúas ou máis votacións dos usuarios e usuarias, as seguintes:


1º premio: Nese intre, Sabela Domínguez Souto (Verín, Ourense)

Cando estaba a piques de botarme a perder, gañeite.

 

2º premio: A perda de tempo, Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra)

Preciso que asentes o meu futuro no teu peito. E estánsenos adiantando as caricias que non nos demos. Estánsenos contruíndo os amenceres de insomnio. Estánsenos mudando as incertezas. Estásenos perdendo o tempo que non pasamos xuntos.

 

3º premio: Por fin!, Xeila Rey Cambados (Vilanova de Arousa, Pontevedra)

Se ten que chegar ese día chegará, eu mentres sigo agardando, agardando por ese momento, ese instante, ese abrazo, ese sorriso, e ese "por fin" saíndo da miña boca.

 

Mensaxes premiadas na categoría B

Tras a deliberación do xurado, resultaron gañadoras da categoría B, de entre as 51 mensaxes que recibiron catro ou máis votacións dos usuarios e usuarias, as seguintes:


1º premio: De laranxas e grelos, Alba Dono Costoya (Ordes, A Coruña)

O mundo cheo de laranxas e eu por aquí a buscar o meu medio grelo, que beba da terra, o alente un orballo e me queira en galego.

 

2º premio: Percepción, Clara Presedo Rama (A Coruña)

Reparei no seu cabelo, ríndose da gravidade. Examinei a súa mirada, maina e reconfortante. Fiquei observando os seus beizos, cortados polo frío, vermellos coma o sangue. Seguín polas súas mans encarnadas, onde as veas protagonizaban historias e, para o meu pesar, parpadexei. Cando as miñas pestanas se abriron, aquel asento do tren olloume baleiro.


3º premio: Sen batería, Juan Manuel Sánchez Pardo (A Coruña)

Pum-pum, pum-pum noto que o meu peito se estremece

Cando agardo para verte de novo, calquera problema se esquece                                                                                                  

Pum-pum, pum-pum

O meu corazón

treme, e treme cal batería

Que por certo teño ao 3% a do móbil, e dedícoa nestas liñas, hoxe é o día, nun intre collo e chamo penso confesarche que hai tempo que te am___

BATERÍA ESGOTADA