A Casa de Galicia acolle a presentación do libro 'Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo', do humorista gráfico Siro López

Volver
  • Darío Villanueva, Siro López, el delegado de la Xunta, José Ramón Ónega, y Manuel González
  • Siro López, el delegado de la Xunta, José Ramón Ónega, Darío Villanueva y Manuel González, en la presentación, con público
  • Siro López, el delegado de la Xunta, José Ramón Ónega, Darío Villanueva y Manuel González, en la presentación

Un ensaio promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través de Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Madrid, 26 de abril de 2017.- A Delegación da Xunta de Galicia/Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe á tarde a presentación do libro Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, un ensaio do caricaturista e humorista gráfico Siro López, o primeiro que analiza a creación do humorismo nesta obra fundamental da novela moderna. Foi publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), editor do volume.

Interviñeron na presentación, ademais do autor, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, o coordinador científico do CRPIH, Manuel González González, e o delegado da Xunta de Galicia e director da Casa, José Ramón Ónega López.

Ónega resaltou que a obra foi publicada pola Xunta de Galicia e sinalou a atención que nas actividades da Casa se lle presta á cultura, en especial á creación literaria. “A presentación de libros nesta Casa é o noso mellor orgullo”, afirmou, dando paso á presentación dos relatores. Do autor, Siro López, lembrou que é xornalista e escritor, natural de Ferrol, de cuxo Club de Prensa é presidente. “Debuxante de humor e caricaturista político, é tamén un estudioso do noso gran escritor universal, e así é autor do ensaio Desencanto e creatividade en Miguel de Cervantes e dos libros O humor de Cervantes no Quixote e do que hoxe presentamos”. “Ao dedicarse este ano o Día das Letras Galegas a Carlos Casares, procede dicir, ademais, que creou con el o espazo Con esta lupa, o primeiro sobre política internacional en idioma galego”, engadiu.

Villanueva comparou o título deste libro, que alude á mantenta de Cervantes e O Quixote á “invención do humorismo”, e outro título, esta vez dedicado a Shakespeare por Harold Bloom, que menciona “a invención do humano”. “Precisamente, Siro López diferencia o humorismo da comicidade, a sátira ou a ironía para subliñar que a primeira obra literaria verdadeiramente humorística é O Quixote, se entendemos por tal un humor compasivo, benévolo, nacido da inesgotable comprensión de todo o humano que Miguel de Cervantes foi adquirindo ao longo da súa atarefada e en parte fracasada vida”, valorou. Apreciou, así mesmo, que “o libro de Siro López se inspira nunha das obras filosóficas máis destacadas sobre este tema, escrita en galego: O Segredo do Humor de Celestino Fernández de la Vega, e relaciona o humor cervantino cunha das características máis rechamantes do carácter galego, que deu destacados nomes de escritores posteriores a Cervantes: Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Castelao, Valle-Inclán, Cunqueiro, Camilo José Cela...”

González referiuse á colección Cadernos Ramón Piñeiro, que xa publicou 36 números e que  “cumpriu un papel importante dentro do pensamento crítico das Humanidades en Galicia”, e ao autor do ensaio, do que lembrou a súa cesión ao centro dunha colección de caricaturas e retratos de Ramón Piñeiro que integraron unha exposición que en 2009 itinerou por Galicia.

Respecto da obra presentada, Manuel González asegurou que é “un estudo transcendental tanto para os estudosos do humorismo como para os cervantistas” e que “delimita con precisión o concepto humorismo fronte ao chiste e a comicidade”. Sinalou así mesmo que “sostén a tese de que o humorismo literario é unha creación moderna, que iniciou Cervantes, probablemente como medida de autodefensa ante os seus problemas persoais e da sociedade”. “Fai unha análise exhaustiva das pasaxes humorísticas do Quixote, que repasa un a un co mesmo protocolo e despois emite a súa opinión”, engadiu, valorando que, ademais, “para os galegos tamén é importante que aborde a posible galeguidade de Cervantes”.

Siro López explico que co Quixote “Cervantes creou a primeira novela moderna e un novo xénero humorístico, distinto á comicidade”. Mantivo que aínda que Cervantes tamén fai comicidade e algo de sátira nel, “a gran achega é a do humorismo, unha forma de humor que dirixe á intelixencia e ao sentimento do lector e que non produce risa, como a comicidade e a sátira, senón sorriso e emoción”. Segundo o autor, os seus coetáneos “non percibiron o humorismo de Cervantes, polo que podemos afirmar que o fixo para si, por necesidade, como defensa ante unha situación persoal durísima. Pero tampouco nos dous séculos seguintes houbo quen descubrise a gran creación cervantina e foron os románticos ingleses e alemáns quen o fixeron”.

“O meu libro analiza as distintas formas do humor, lembra as achegas de autores como Wenceslao Fernández Flórez, Pío Baroja, Gómez de la Serna e Celestino Fernández de la Vega, pero profunda máis e propón unha ´semántica do humor´. Achégome ao home Miguel de Cervantes, deixo claro que era de orixe galega, pero nado en Alcalá de Henares; sitúoo no seu tempo, tento comprender as súas angustias e frustracións e explico por que necesitou escribir O Quixote e como o fixo. Demostro que coñecía O eloxio da tolemia de Erasmo e que, a pesar de ser moi distintas as formas de humor que uno e outro practican, escribiu baixo a influencia do humanista holandés. Comparo os Quixotes de Cervantes e Avellaneda e demostrou que varios capítulos da Segunda Parte do Quixote de Cervantes son leccións de humorismo a Avellaneda. Finalizou demostrando que o curso que Nabokov impartiu sobre O Quixote na Universidade de Harvard, en 1951, é un disparate porque non coñecía a Cervantes nin a obra”, expuxo.