Valentín García participa na entrega dos XXIX Premios San Martiño de Normalización Lingüística
VolverA Estrada (Pontevedra), 13 de novembro de 2019.- O Teatro Principal estradense acolleu hoxe ao serán a entrega da XXIX edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, uns galardóns outorgados polo Padroado dos Premios San Martiño que destacan o labor que diversas persoas e colectivos realizan a prol da difusión e promoción da lingua galega. Recibíronos a Asociación Cultural Tamparrantán, na categoría A Estrada e Comarca de Terra de Montes; a xornalista e escritora Ana Cabaleiro Brión, na categoría Galicia enteira, e o Museo do Pobo Galego, na categoría Toda unha vida. Recibiron cadansúa escultura de Manolo Vilaverde. No acto participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o alcalde, José C. López, nun acto no que Oli Xiráldez e Gustavo Couto interpretaron varios cantares de cego recollidos da nosa tradición oral.