A Xornada virtual das Letras Galegas, Xela Arias achega a figura da anfitrioa do 17 de maio ao ensino

Volver
  • Valentín García, Darío Gil e Henrique Monteagudo na inauguración da Xornada das Letras Galegas 2021
  • Valentín García, Darío Gil e Henrique Monteagudo na inauguración da Xornada das Letras Galegas 2021
  • Valentín García, Darío Gil e Henrique Monteagudo na inauguración da Xornada das Letras Galegas 2021
  • Valentín García, Darío Gil e Henrique Monteagudo na inauguración da Xornada das Letras Galegas 2021
  • Valentín García inaugurou hoxe á tarde o encontro docente organizado polo CAFI coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acompañado de Henrique Monteagudo e de Darío Gil Arias
  • As sesións, para as que xa está completa a inscrición, desenvolveranse a través da rede nas tardes do 29 de abril e do 5 e 13 de maio

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á tarde no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) a Xornada das Letras Galegas. Xela Arias, dirixida a achegar a figura, vida e obra da autora anfitrioa deste 17 de maio ao profesorado encargado de divulgalas entre o resto da comunidade educativa, nomeadamente, o da materia de lingua galega e literatura.

“Esta xornada é xa unha das citas máis agardadas da programación conmemorativa das Letras Galegas, onde docentes, especialistas e artífices de experiencias educativas arredor da figura homenaxeada ou creadores en xeral compartides e poñedes en valor materiais, recursos e creatividade que enriquecen as aulas e fan partícipe ao alumnado da celebración da festa da nosa lingua”, destacou o secretario xeral, Valentín García, na apertura oficial. “Celebramos este ano unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, autora auténtica, figura transgresora e escritora anovadora tanto na estética como na poética, que sempre situou no horizonte a lingua galega e a dignificou, tamén desde as aulas, ás que dalgunha maneira volve Xela Arias, por medio destas xornadas ”, concluíu.

O secretario xeral estivo acompañado de Darío Gil Arias, fillo da autora homenaxeada, e de Henrique Monteagudo Romero, presidente en funcións da Real Academia Galega.

En abril Montse Pena, Chus Nogueira, Yolanda Castaño e Manuel Bragado

A través tanto de conferencias como de experiencias de traballo de equipos de dinamización da lingua galega de diversos centros educativos, a Xornada das Letras Galegas 2021 trata de achegarlle a figura de Xela Arias ao profesorado encargado de divulgar a súa obra entre o resto da comunidade educativa. Alén diso, favorece o intercambio de materiais, recursos e experiencias creados e desenvolvidos polos EDLG. As sesións formativas desenvolveranse de maneira virtual nas tardes do 22 e 29 de abril e mais do 5 e 13 de maio.

O programa de sesións abriuse hoxe coas conferencias 'Vencerse é cousa de se tratar: un achegamento á vida e á obra de Xela Arias', a cargo de Montserrat Pena, e 'Busco a vida entre papeis. Achegamento á biografía e á obra de Xela Arias', de María Xesús Nogueira, e pecharase coas experiencias dos EDLG do CPR Plurilingüe San Pío X (Ourense) e do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria (Lugo).

O xoves 29 será a escritora e xestora cultural Yolanda Castaño a encargada de abrir a sesión coa onferencia 'Xela Arias: a aventura de ser unha mesma', ás que seguirá a 'Xela Arias no pouso dos afectos. Vida, obra e recursos didácticos', a cargo de Manuel Bragado. Serán as experiencias 'Seminario Galán. Xela Arias, Letras Galegas 2021. Actividades na Rede' e 'Xela Arias nas ondas' as que centren a xornada.

En maio, Ana Luna, Ramón Nicolás, Emma Pedreira e Anxo Xoán Rajó

O luns 5 de maio terán lugar as conferencias 'Xela Arias: texto e reverso', a e 'Xela Arias, narradora', a cargo de Ana Luna Alonso e de Ramón Nicolás, respectivamente. Pecharán a sesión as experiencias dos EDLG 'Festa da Lingua 2021', 'Non nos amola' e 'Musicando a Xela Arias'.

A Xornada das Letras Galegas rematará o xoves 13 compartindo as experiencias dos EDLG, a través dos proxectos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021: 'Xela Arias e as palabras', do CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro de Redondela (Pontevedra), e 'Abecedáriome: un dicionario desequilibrado para Xela Arias', do IES Plurilingüe de Ames (A Coruña). A elas seguiranlles as propostas didácticas 'Deconstruír o equilibrio, reconstruír a perspectiva: propostas para abordar a poesía de Xela Arias nas aulas', da man da escritora e Emma Pedreira e a conferencia 'Dignidade ou como Xela Arias sofre pola terra nosa', a cargo de Anxo Xoán Rajó Pazó.

Este acción formativa dirixida a docentes está recoñecida enmárcase na programación conmemorativa das Letras Galegas 2021 que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria arredor de Xela Arias.