O Centro Ramón Piñeiro conta desde hoxe con 11 novos bolseiros e bolseiras para traballar nunha decena de proxectos de investigación

Volver

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu esta mañá os 11 bolseiros e bolseiras que desde hoxe e ata finais do 2023 traballarán nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) Legado científico de Jürgen Untermann; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Corpus documentale Latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA); Terminoloxía científico-técnica; Informes de Literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia e Legados literarios.Con estas bolsas, o Goberno galego busca fomentar a formación e a capacitación das persoas universitarias, promovendo o ensino e a investigación en galego.

Xunto con Valentín García, recibiron aos novos investigadores Manuel González González, coordinador científico do CRPIH; Ruth Otero e Armando Requeixo, xefa do servizo e secretario do centro, respectivamente; María Elvira Casal, subdirectora xeral de planificación e dinamización lingüística, e os directores dos proxectos aos se que se incorporan os bolseiros e bolseiras.