Volve o Nadal en Rede co seu programa de actividades para celebrar as festas en galego
VolverSantiago de Compostela, 17 de decembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da nova campaña de Nadal en Rede, o programa impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia para encher de actividades en galego o tempo de lecer das familias nestas datas.
Este ano, e despois da paréntese causada pola crise sanitaria o pasado Nadal, a campaña chegará a 60 entidades desta rede con concertos e teatro para todos os públicos, pero especialmente para a cativada. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expresou a súa satisfacción por “unha programación ampla, cultural e divertida, con grandes artistas que traballan en galego aos que, como sempre, queremos apoiar” e animou as familias “a facer actividades en galego este Nadal cos máis pequenos da casa e continuar despois felicitando estas festas no noso idioma, cantando e celebrando na lingua propia de Galicia”.
O secretario xeral estivo acompañado no acto, que tivo lugar este mediodía no compostelán Pazo de San Roque, polos artistas ou representantes destes que participarán no programa: Emilio Rúa, Verónica Rilo, María do Ceo, Óscar Ferreira, Érica Pereiro, Emilia Candal, Nacho Fungueiriño e Olga Kirk. Propostas para festexar o Nadal Desde hoxe e ata que remate o ano, a rede comeza a festexar o Nadal con actividades en lingua galega que pasarán polas catro provincias e que se completan cos recursos para celebrar as festas que a Xunta de Galicia comparte no Portal da Lingua Galega.
Unha programación chea de música, contos, monicreques, teatro e ganas de pasalo ben que seguirá todas as pautas e recomendacións sanitarias vixentes en cada momento. A información completa de cada acción así como as datas e lugares pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia. O acceso será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos. Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade