Os Bolechas presentan co apoio da Xunta un novo título adicado ao Museo do Mar de Galicia

Volver

• Decenas de nenas e nenos acudiron á institución viguesa para coñecer unha obra que aporta unha panorámica da actividade mariñeira a través das pezas museísticas expostas

Vigo, 26 de xullo de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación dun novo libro dos Bolechas ao abrigo do Museo do Mar de Galicia. No acto, que tivo lugar ás 12 horas deste martes na propia institución viguesa, os Bolechas estiveron acompañados por nenas e nenos desexosos por adentrarse no mundo do mar e descubrir os tesouros que a propia entidade agocha no seu interior.

No acto tamén interviron Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta en Vigo e Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia.

Grazas a este novo título, publicado baixo o selo da Editorial Bolanda, os máis pequenos poderán embarcarse dun xeito lúdico e didáctico no coñecemento da actividade mariñeira, de vital relevancia económica e social non só para a cidade olívica, senón tamén para o conxunto da comunidade. Valéndose das pezas museísticas expostas, os Bolechas desentrañan polo miúdo o universo do mar, navegando entre as profesións a el vinculadas, as tipoloxías de embarcacións e aparellos existentes e as especies de animais mariños características de Galicia.