A Xunta e a Academia Xacobea presentaron o programa das XVII Xornadas 'Mar por Medio' de Ribadeo

Volver
  • Presentación
  • Folletos

•  O Ao longo dos 16, 17 e 18 de setembro levaranse a cabo distintas actividades relacionadas co Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo

•  O hispanista británico Jhon Rutherford, difusor do Camiño de Santiago, participará como conferenciante

Santiago de Compostela, 02 de agosto de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe no Pazo de San Roque á presentación das XVII Xornadas Xacobeas Mar por Medio que a Academia Xacobea, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Provincia de Lugo e o Concello de Ribadeo organiza os días 16, 17 e 18 de setembro na vila de Ribadeo.

Valentín García destacou que “tras un parón bastante máis grande do desexable, desde a Xunta de Galicia decidimos apoiar a reedición desta cita que durante o verán vai ser a que analice o feito Xacobeo e os camiños de Santiago. Así salientou o labor da Academia “quen desde un primeiro momento toma a dirección destas xornadas, e coa colaboración de operadores locais de Ribadeo e a Universidade de Santiago, e a adhesión da Deputacion de Lugo e o Concello de Ribadeo fai posible que esteamos presentando unhas xornadas que cremos van ter unha gran aceptación, que contemplan moitos puntos de vista do Xacobeo”.

García afirmou que “ademais desta temática que ten que ver cos camiños, cos peregrinos, haberá momentos para o lecer como é a actividade musical e tamén para facer unha referencia a unha poetisa ribadense da que este ano celebramos o seu centenario Luz Pozo Garza, a importancia da súa figura e da súa persoa estará presente tamén”.

Trátanse dunhas xornadas que durante moitos anos valeron para a proxección, análise, debate e estudo do que é a Galicia contemporánea; fundadas polo que foi director do Centro de Estudos Galegos na Universidade de Oxford, John Rutherford, e que vinculou a este concello singular da mariña lucense aos máis altos especialistas na visión e no estudo pormenorizado de moitísimas temáticas diferentes.

 

Ao longo destes tres días levaranse a cabo distintas actividades relacionadas co Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo: conferencias, táboas redondas, unha exposición sobre a Ruta Xacobea, así como interpretacións musicais.

 

Distintas personalidades do ámbito universitario, da comunicación, da cultura, da igrexa, da administración e da propia Academia Xacobea, coñecedoras do mundo Xacobeo, formaran parte das conferencias e mesas redondas. Tamén o hispanista británico John Rutherford, difusor das linguas e literaturas galega e española e do Camiño de Santiago.

 

O programa das xornadas poderase consultar no Portal da Lingua Galega desde onde tamén se poderá acceder á ligazón de inscrición.