A Xunta festexa con música e poesía o Día Europeo das Linguas

Volver
  • Distintas actuacións musicais nacionais e internacionais na capital de Galicia o 25 de setembro permitirán celebrar esta conmemoración no marco do festival Maré
  • O propio día 26 terá tamén lugar un acto institucional na compostelá praza de Praterías en que alumnado do IES Arcebispo Xelmirez lerá poemas de distintos autores europeos

Santiago de Compostela, 23 de setembro 2022.-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en rolda de prensa a programación organizada pola Xunta de Galicia e Nordesía Producións para festexar o domingo 25 de setembro o Día Europeo das Linguas dentro do festival Maré, Músicas e Artes atlánticas 2022 e nos concertos do Xacobeo 21-22.

Valentín García dixo sentirse moi satisfeito co lema do Día Europeo das Linguas para este ano: “Valorando todas as linguas de Europa”. “Todos os idiomas son importantes e útiles en si mesmos, independentemente do número de falantes que teñan”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, e “aos europeos tocounos en sorte unha ampla diversidade lingüística que temos a obriga, pero tamén o orgullo e a vontade, de protexer e de transmitir”, algo que “os galegos debemos facer falando e valorando o noso idioma propio e, ao mesmo tempo, abrindo a porta aos idiomas dos demais”.

A programación presentada inclúe unha serie de concertos que buscan emocionar, descubrir, crear e informar da importancia e o potencial dunha sociedade multicultural, así como fomentar a diversidade lingüística e o entendemento intercultural con actuacións musicais de todo o mundo. Artistas de representación galega como a cantautora Antía Muíño, que actuará no Teatro Principal, e o grupo Peña, na Sala Riquela; nacionais como a asturiana Silvia Quesada, tamén na Sala Riquela, a donostiarra Olatz Salvador e a catalá Paula Grande, ambas na Praza de Mazarelos; e internacionais como Dj Panko, un dos picadiscos máis representativos da Barcelona mestiza, o compositor e intérprete de Guiné-Bissau Mû Mbana e o brasileiro grupo Pietá, tamén en Mazarelos, encherán as distintas localizacións da capital galega de música de moi distintos estilos.

A maiores, entre concerto e concerto, poderase desfrutar dun recital poético da man de poetas como Aandrea Valle, Diego Horschovski, Arancha Nogueira e Peter Brea na praza de Mazarelos.

Apóstase así pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultura, poñendo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. Toda a programación atópase dispoñible para a súa consulta na páxina web do festival mare.gal.